O 12 de Xullo votamos ao BNG. O resto do ano, organización e loita.

O vindeiro 12 de Xullo, a sociedade galega está convocada a un novo proceso eleitoral, as eleccións autonómicas. Estas eleccións están encadradas nun contexto de desfeita total no noso país, mais non só pola recente pandemia, senón por fenómenos como o brutal espolio e depredación dos recursos naturais e enerxéticos, o desmantelamento e privatización da sanidade e os coidados, a destrución dos sectores produtivos, a desertización do medio rural, a emigración masiva, a ausencia total dunha industrialización autocentrada e diversificada coa tendencia á desertización industrial, un modelo de transporte pensado desde fóra e para fóra, a turistificación masiva, a brutal precarización e sobre-explotación da clase obreira galega, a substitución linguística e españolización do noso país etc.

Consecuencias non só da cor dos gobernos autonómicos e estatais, mais especialmente da combinación do capitalismo e o papel dependente da Galiza, nun marco autonómico (rexeitado históricamente polo nacionalismo popular galego) que non só é insuficiente ou estreito, senón que está deseñado para garantir e perpetuar a nosa dependencia e sumisión ao Estado español e á Unión Europea. Un marco autonómico que non expresa ningún poder político real, senón que pode ser suprimido en calquera momento polo goberno español, como aconteceu durante a recente crise sanitaria. Polo tanto, para dar solucións integrais ás problemáticas do noso pobo, precisamos dun marco político soberano, isto é, unha República galega ao servizo das clases populares.

Naturalmente, dentro dese cadro xeral, o PP foi e segue a ser o mellor executor das políticas capitalistas e coloniais, nestas catro décadas de réxime autonómico. Do mesmo xeito que a nivel do Estado o PSOE é a peza central ao servizo do réxime español, na Galiza é o PP quen exerce ese papel. Isto é así debido ao seu poderoso enraizamento e organización no país, froito do tradicional caciquismo, mais nomeadamente grazas a un discurso rexionalista folclórico e inocuo, combinado cunha política real ao servizo do proxecto nacional español e os intereses do grande capital. A sucursal galega do PP, que representa a alianza da burguesía autóctona (subsidiaria, intermediaria e sen proxecto nacional propio e diferenciado do español) co grande capital español, foi quen de adaptar o seu discurso ao contexto dunha nación como a Galiza, aínda non plenamente asimilada e españolizada, facendo historicamente estes franquistas clásicos un exercicio de “transformismo” a partir da farsa da “Transición”, adoptando posicións aparentemente “moderadas” e rexionalistas, en contraposición á brutalidade da ultra-dereita madrileña tal como vemos actualmente, aínda que sabemos moi ben que na práctica as súas políticas son esencialmente as mesmas: reaccionarias, españolistas e ultra-liberais. En definitiva, podemos falar da hexemonía gramsciana do PP no noso país, baseada na disociación da identidade nacional galega da súa expresión política (traducíndose nun rexionalismo folclórico e inocuo, como xa dixemos) e na capacidade para crear certo “consenso”, tanto na dereita como no progresismo. No actual contexto, podemos ver a expresión destes “consensos” cando certa progresía españolista louva o carácter “moderado” de Feijóo fronte aos “excesos” da ultra-dereita madrileña, ou cando vemos que os partidos da progresía españolista non queren disputar o goberno a Feijóo, xa que a súa prioridade é manter a centralidade como xestores do réxime español, preferindo a Casado na oposición. Por outra banda, alén das disputas entre fraccións do bloque dominante, isto tamén serve para reducir a influencia política do soberanismo galego, garatindo a estabilidade do réxime autonómico. En calquera caso, do que acabamos de comentar podemos extraer algunhas leccións. Por unha banda, vemos que ningunha expresión do sucursalismo españolista, sexa de dereitas ou da falsa “esquerda”, representa ningunha alternativa real para este país, senón máis España e máis UE, isto é, máis dependencia e sumisión. Por outra banda, vemos que o BNG é actualmente a forza que mellor representa unha alternativa antitética do PP, mais tamén de calquera expresión sucursalista, cuestionando tamén o marco vixente desde o soberanismo e a esquerda. Votar no BNG é votar para contribuír a frear e inverter as tendencias negativas que afectan ao noso pobo, é votar para afortalar a construción nacional e a resposta fronte aos plans da reacción españolista e o grande capital, unha resposta que non pode darse só nin prioritariamente a nivel institucional, mais que tamén debe expresarse nese eido.

Somos conscientes de que non existe unha vía ao socialismo a través da xestión das institucións burguesas, como tampouco existe unha vía cara a independencia e a República galega a través da xestión do marco autonómico, xa que as institucións vixentes están deseñadas para perpetuar a orde dominante. Aliás, a experiencia amosa as enormes limitacións da xestión do status-quo, unhas limitacións cada vez máis grandes, froito do contexto xeral de brutal ofensiva reaccionaria do grande capital, que deixa unha marxe cada vez máis escasa para a xestión ou reforma sistémica. A todo isto hai que sumar que a Galiza é unha nación sen soberanía, nin sequera a nivel formal, cun marco autonómico que como xa dixemos antes non expresa ningún poder político real e está sometida a unha forte ofensiva recentralizadora.

Tamén hai que ter en conta o contexto que se pode abrir despois da pandemia, cunha agudización da crise capitalista, crises que no marco do capitalismo só poden resolverse en contra dos traballadores e os pobos oprimidos, profundizando na tendencia á concentración e centralización do poder político e económico nas mans do capital monopolista. Mesmo así, no caso de que o PP perdese a maioría absoluta, sería unha vitoria que axudaría a abrir unha nova fase política no país, onde o soberanismo galego podería aproveitar para aumentar a súa capacidade de influencia (fronte ao clásico “rodillo” aplicado polo PP grazas á súa maioría absoluta). Un escenario con potencialidades, mais que en calquera caso non debería ser usado para sacrificar a necesaria independencia de actuación do soberanismo galego, reproducindo unha política de subordinación a certas forzas do réxime, nomeadamente o PSOE. Debemos extraer valiosas leccións do papel deste partido como peza central ao servizo do réxime español e o grande capital desde fai máis de 40 anos, continuando e profundizando nas políticas reaccionarias, anti-obreiras e españolistas, como vemos actualmente no chamado “goberno progresista” a nivel estatal.

En calquera caso, ese hipotético escenario de perda da maioría absoluta do PP, podería e debería empregarse para agudizar a loita polas necesarias reformas e conquistas inmediatas, mais tamén para evidenciar as contradicións e limitacións do marco actual, socializando a necesidade dunha Galiza soberana desde a esquerda e afortalando a organización e a loita en chave nacional e de clase. Isto non implica negar as potencialidades dunha “panca institucional” que acompañe o proceso de construción nacional e popular (coa posibilidade dun goberno liderado polo BNG), mais en calquera caso esa actuación debe servir para confrontar coas imposicións españolas e europeas, evidenciando as contradicións e limitacións do marco actual para axudarmos a elevar o nivel de consciencia das masas, acumulando forzas no camiño da ruptura.O 12 de Xullo votamos polo BNG por que é a forza que mellor defende os intereses da nosa nación e as clases populares galegas no actual contexto. O resto do ano, sexa cal sexa o resultado electoral, debemos avanzar na organización e a loita fronte á ofensiva do españolismo e o capital, afortalando as ferramentas coas que contamos, dando pulo á CIG, o BNG, os centros sociais ou o feminismo, mais especialmente construíndo un espazo político independentista e comunista, que axude a clarificar e avanzar no rumbo certo pola liberación nacional de clase.

A loita de clases dispútase principalmente no eido extra-parlamentar, onde podemos mudar a correlación de forzas entre as clases en loita a través da agudización dos antagonismos, mais non por iso debemos deixar de utilizar as institucións ao noso favor para pór en evidencia as súas contradicións e favorecer na medida do posíbel os intereses da nosa clase e o noso País.

Por iso, este 12 de xullo votamos polo BNG. O resto do ano, organización e loita!

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario