O asalto definitivo do capital contra o ensino público. Non á LOMCE!

O ensino é unha das ferramentas de dominación máis potentes que existen e máis para un País como o noso, sen soberanía económica e sen soberanía política. Un País dependente onde o sistema educativo actúa como un elemento de homoxenización cultural, de profunda desgaleguización, de destrucción da nosa identidade como Pobo e de conversión das xeracións máis preparadas de galegas e galegos en man de obra precaria fácilmente explotable polo Capital. En afondar no elitismo, no clasismo, na concepción do coñecemento como un ben mercantil e na creación de autómatas sen espírito crítico baséase a LOMCE: un novo e durísimo ataque da oligarquía contra o ensino público, enmarcada nas reformas que se teñen feito nos últimos anos na liña de desmantelar e mercantilizar un dos piares básicos de calquera sociedade. Vemos, sen ningún tipo de dúbida, que a LOMCE non é máis que a execución de parte dos plans que xa viñamos denunciando e que se baseaban na segunda parte do Plano de Boloña, a chamada Estratexia Universidade 2015, extrapolando tamén as súas medidas e consecuencias a todos os niveis do ensino.

 A LOMCE baséase na vontade mercantilizadora do ensino e de cómo este debe de estar suxeito aos procesos económicos e aos seus resultados, é dicir, debe axustarse ás demandas dos mercados, do capital. Asúmese que o ensino debe de ser xestinado en igualdade polo estado e as corporacións privadas sendo concebido como unha prestación de servizos aos intereses destes últimos. Para isto fomenta a chamada competitividade entre os centros que terán que acadar unha serie de resultados satisfactorios ás demandas marcadas polo capital para a obtención de recursos públicos que lles permitan seguir adiante e reformulan tamén o papel do personal docente, propoñéndose a progresiva eliminación da figura de profesor funcionario que a día de hoxe existe no sistema universitario

 Cambia tamén o paradigma de como entendemos un centro de ensino. A partir desta reforma a xestión dos mesmos estará dirixida ao axuste orzamentario esixido pola administración e levaráse a cabo unha concentración de poderes na figura da persoa directora que actuará como filtro para a admisión de novo personal docente ou novo alumnado ao centro. Esta concentración de poderes tamén afecta aos organismos de decisión dos centros que, se xa eran albo das nosas críticas por consideralos insuficientemente democráticos e pouco participativos pola comunidade educativa, agora serán meros organismos consultivos sen poder decisivo real.

 Implanta un sistema de reválidas. Impón exames xerais desde etapas moi pouco avanzadas para a obtención dos títulos co único obxectivo de reforzar o ensino puramente memorístico acoutando o pensamento crítico e moldeando ao estudantado na desideoloxización e na obediencia sumisa. Elimínase a selectividade e introdúcense até 3 reválidas ao finalizar primaria, ESO e bacharelato facendo do ensino unha auténtica carreira de obstáculos. A todo isto súmaselle a opción, por parte das universidades, de valorar libremente a admisión ou non do seu alumnado puidendo chegar ao estudo individualizado dos casos denegando o acceso a estudates por motivos totalmente subxectivos.

 Adiántase a escolla de itinerario e especialización a partir de 3º da ESO coa desaparición do 4º curso e a obrigatoriedade da elección a esa idade dun bacharelato ou unha FP deixando un curso menos do que existe actualmente fóra da garantía de gratuidade e facendo que as FP podan ser concertadas, é dicir, puidendo impor unha taxa para poder cursalas.

 No relativo á cuestión lingüística esta nova medida supón o ataque máis forte ao ensino do galego dos que se recordan. Por un lado a materia de Lingua e Literatura Galega non se contempla en horario obrigatorio entendendo esta como un tipo de coñecemento completentario non fundamental para o alumnado puidendo darse o caso de que para a obtención dun título non se teña que acreditar a coñecemento ningún na lingua do noso País. Por outro lado a lei garantiza a subvención do ensino privado íntegramente en castelán para todas as familias que así o demanden fomentando aínda máis a situación de apartheid lingüístico que vivimos no noso País coa pretensión de marxinar e excluir aínda máis ao galego da normalidade diaria.

 A LOMCE permite e normaliza, tamén, unha medida que tanta controversia e rexeitamento colleita nunha boa parte da sociedade: a segregación nos centros por sexo, é dicir, permite expresamente outorgar diñeiro a aqueles centros que separen nenas de nenos chegando a dicir o Ministro de Educación, José Ignacio Wert, que a segregación non é discriminación senon “cuestión de liberdade”.

 De todo o dito podemos sacar, a modo de conclusión, que a LOMCE non é máis que a plasmación das medidas do neoliberalismo no campo do ensino. Mercantilización, segregación, discriminación lingüísitica e españolización son os piares dunha lei impulsada por un Goberno Español que nos conduce irremediablemente ao abismo se non somos quen de derrotalos. Diciamos ao comezar que o ensino é unha das ferramentas de dominación máis potentes que existen e non por casualidade é o que utiliza o Sistema para moldear ás novas xeracións como a forza de traballo do mercado capitalista creando conciencias acríticas que non son quen de plantexarse a realidade de explotación na que viven

 Fronte a isto nós reivindicamos un modelo de ensino puramente en galego, público e de calidade, incardinado na realidade galega e que aposte necesariamente polas potencialidades do noso País. Democrático e participativo, no que as estudantes fagan parte verdadeiramente na vida educativa, no goberno das escolas e universidades, na toma de decisións sobre o seu funcionamento garantindo un futuro mellor e máis xusto para as vindeiras xeracións e non só asistindo a aulas, estudando ou facendo exames. E non patriarcal, un sistema educativo baseado en valores feministas apostando pola superación do patriarcado e que avance na igualdade real de homes e mulleres.

É hora de plantar cara e loitar. Por isto desde Isca! non podemos se non apoiar a folga estudantil que as organizacións estudantís, nomeadamente a Liga Estudantil Galega, ten convocado no ensino o vindeiro 6 de febreiro para dicir que non ao desmantelamento do ensino.

ÍMOLOS PARAR!

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario