Empregar a política en chave electoralista e partidista, tratando as persoas como simples obxectos sen voz nin voto efectivo, é algo que non é novo no Concello de Vigo. É algo que os partidos do réxime fan decotío, e de forma especialmente sinalada chegadas as campañas electorais, enmarcadas nun ambiente de falsa democracia para encubrir a ditadura do capital.
Así pois, a mala xestión dos fondos públicos, os pelotazos urbanísticos e os megaproxectos de cara á galería lévanse a cabo co fin de desviar a atención dunha mala xestión e unhas malas políticas. Confundir a opinión pública é unha das ferramentas que emprega o capital e os seus executores burgueses, vestindo con ostentosas obras a indecencia e a falta de lealdade cara os intereses do pobo que supostamente estes representan.
Nun momento no que o capitalismo pasa por unha das súas crises inherentes e as conquistas froito da loita da clase traballadora son roubadas, as clases populares son as que máis afectadas se ven. En Vigo milleiros de persoas sufriron e sofren as consecuencias dunha reconversión naval que deixou sen emprego e nunha situación de desamparo social a centos de familias. A día de hoxe seguen a desmantelar sectores produtivos tan nosos como a pesca ou o marisqueo pola vía da redución de cotas pesqueiras, penalizacións ás mariñeiras do cerco e mesmo unha mala distribución dos nosos recursos por parte do estado imperialista Español e a Unión Europea, xunto cunha durísima reforma laboral comezada polo PSOE e continuada e aumentada polo PP, que lonxe de crear emprego, engrosou aínda máis as listaxes do paro e agravou enormemente a precariedade laboral.
Agora, con cartos públicos, a alcaldía de Vigo teima en pór aquí o barco Bernardo Alfageme, de gran valor histórico, pois foi un dos primeiros barcos construídos no estaleiro de Barreras nunha rotonda do barrio obreiro de Coia, cun custo que se estima de entre 300.000 e case un millón de euros.
Debido a isto, a veciñanza, acorde coa situación de pobreza, desemprego e precariedade, négase a gastar esa cantidade inxente de cartos nunha rotonda xa existente, polo que, no canto de investir dita cantidade en proxectos urbanísticos innecesarios, proponse empregar eses cartos en fins sociais, como investimentos que creen postos de emprego ou levando a cabo políticas de xustiza social e en apoio a todas as familias que se atopan desprotexidas.
A día de hoxe, as obras na rotonda de Coia están paradas, debido á morea de veciñas que se mobilizan cada día para estar alí desde primeira hora da mañá, evitando así a calquera tipo de máquina traballar nela e evitando que se sigan gastando cartos inutilmente.
Tanto a veciñanza como os movementos sociais e partidos políticos contrarios a pór o barco na rotonda suman forzas nunha mesma asemblea, chamada “Asemblea Aberta de Coia”, onde cada persoa participa a nivel individual, achegando a súa opinión, coñecementos, propostas a realizar, etc.
Porén, a represión do concello é diaria, con enfrontamentos entre a veciñanza e a policía local, xunto co grupo especial GOA (Grupo Operativo de Apoio), dirixido por esta mesma, e que mostra, ás veces, episodios de brutalidade como empurróns e ameazas repetidas. Pese a isto, a confianza, a terríbel situación económica e a unión entre a veciñanza que pouco ten que perder, fai que día a día se vaia gañando unha loita que semella longa.
A decisión da Asemblea Aberta de Coia de non empregar en ningún momento a violencia foi e é clave, para non teren os axentes fácticos ao servizo do sistema e do alcalde Abel Caballero a posibilidade de criminalizar esta loita tan digna e tan xustificada que se está a desenvolver neste barrio operario.
Dende Isca! animamos a todo barrio de Coia, así como a toda a veciñanza de Vigo, a denunciar estes feitos e a se sumar á loita popular. Queremos recordarlle ao alcalde que non se xoga coa dignidade da clase obreira e daquelas persoas máis necesitadas. Mentres houber xente nestas situacións de precariedade e miseria, toda loita contra calquera tipo de inxustiza social como esta será xusta, pagará a pena e será levada até a vitoria final.