O BNG vira costas ao asemblearismo

O BNG celebrou a pasada fin de semana a súa Asemblea Nacional Extraordinaria (A.N.E.), un cónclave moi baleiro de contido e debate real pero que tivo certa repercusión por ser o primeiro que se celebrou por delegación, é dicer, no que a participación non foi aberta a toda a militancia como anteriormente. Esta liquidación do asemblearismo veu acompañada dun regulamento para a elección de delegados destinado a dificultar enormemente a participación na Asemblea dos sectores críticos e a da maioría da militancia independente. Por exemplo, un militante non organizado de calquer comarca non tería a mais mínima posibilidade de participar na Asemblea se algún dos sectores que presentase listas a delegados non o integrase nelas.

Este foi un dos motivos polo que diversos sectores críticos, como o Movemento pola Base (no que nós participamos) decidiu non participar deste congreso. O outro, foi que o debate político sobre o traballo realizado na Xunta durante estes anos e as propostas para a próxima lexislatura estaba tremendamente limitado pola dirección. Así, apresentouse como informe político (sen posibilidade de emendar) unha especie de tese totalmente autocompracente co traballo realizado, e na que se definían os trazos básicos da acción na próxima lexislatura. Nun debate tan importante como este, a media de tempo para a intervención da militancia das comarcas foi… de un minuto. Resulta evidente o nulo interese que a dirección nacionalista ten en que a súa militancia fiscalice o seu traballo.

Perdeuse por tanto a oportunidade de celebrar unha Asemblea Nacional que servise para seguir debatendo as posicións de amplos sectores da base social nacionalista que ven con preocupación o rumbo da fronte, que a leva a homologarse cada vez máis ao xeito de actuar (e agora tamén de organizarse) dos demais partidos.

A estas alturas, e visto o resultado do proceso preasemblear e da propia asemblea, fica claro que o obxectivo do novo sistema para a celebración das Asembleas Nacionais non era de carácter operativo, nin por suposto para potenciar unha maior participación da xente, pois esta ainda se reduciu. O único record que se bateu foi o dos avais apoiando a Quintana, 3300, moita mais xente da que participou nas Asembleas Comarcais. Isto dá unha mostra do modelo de militancia que se potencia desde a dirección, cuxa participación na fronte limítase a pagar unha cuota e asinar un papel apoiando ao líder de turno cada catro anos, pero sen implicación ningunha na vida diaria da organización.

Xa na propia asemblea, ademais da ausencia de 300 delegados chamou a atención que as escasas críticas que se escoitaron no debate da Asemblea Nacional procederon de militantes da UPG. Curiosamente, esas críticas nunca se escoitaran antes nin en Asembleas Comarcais nin por suposto no Consello Nacional, polo que dá a impresión que este novo desmarque de certas medidas e actuacións que antes se lexitimaron non teñen mais obxectivo que o de calmar a propia base militante e apoios dese partido, que sempre serviu como principal apoio a Quintana e as súas políticas.

En definitiva, o sistema de delegados (e especialmente co mecanismo aprobado para regulalo) serviulle á dirección do BNG para desbrozar o seu camiño cara a unha Asemblea tranquila, na que o debate político, a crítica e a confrontación de ideas non entorpecese o seu lento camiño cara á homologación plena do BNG ás forzas políticas do sistema. A militancia (especialmente a crítica) é tratada pola dirección como un problema co que lidiar no día a día e do que tentar desfacerse, en lugar de vela como o colectivo ao que se deben e sen o cal nin eles ocuparían as súas responsabilidades nin o BNG tería avanzado tanto na súa historia.

O noso papel é o de seguir organizando esa base social e militante crítica con este rumbo da dirección, visibilizando un discurso alternativo que aposte pola recuperación do nacionalismo popular e o seu proxecto revolucionario, que entenda a participación nas institucións como un meio e non como un fin.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario