O capitalismo fracasou. É hora do socialismo!

Máis un ano, volvemos sair ás rúas coa CIG para conmemorar o 1º de maio, Día Internacional da Clase Traballadora.

Este é o texto da nosa folla axitativa “Rebater”, que distribuímos nas manifestacións da CIG:

O capitalismo fracasou. É hora do socialismo! 

Neste 1º de maio a mocidade galega debe contribuír a amosar, un ano máis, a forza nas rúas dun sindicalismo nacional que constitúe, hoxe máis ca nunca, a nosa mellor defensa e ferramenta de clase contra as medidas regresivas e neoliberais do PSOE no Estado e do PP na Xunta de Galicia. A xuventude do país debe unirse ao conxunto dos traballadores e traballadoras de Galiza, das maiorías sociais que constitúen simple forza de traballo baixo o sistema capitalista, para tomar as rúas das vilas e cidades galegas na reivindicación dos dereitos laborais e as conquistas sociais que tras máis dun século de movemento obreiro queren hoxe recortársenos baixo a coartada da crise sistémica. Ante o pactismo das centrais sindicais españolas, ante a consumación última da dereitización dun PSOE a anos luz do partido de Pablo Iglesias, ante o sometemento das políticas sociais aos ditados da UE, o FMI e todo o aparello organizativo do capital e a reacción, é tempo de loita. Nós, mocidade galega precarizada, silenciada, furtada das conquistas socias que xeracións de traballadores e traballadoras antes ca nós conseguiran, destinada polas forzas sistémicas a un futuro de despido practicamente libre, de desaparición dos convenios colectivos, de alongamento da idade de xubilación, en definitiva, de explotación sen o disfraz do Estado do benestar, temos a obriga de defender as nosas condicións de vida, o seu mantemento e mellora, no horizonte estratéxico dunha mudanza total de sistema, de destrución do capitalismo e camiño ao socialismo co obxectivo último de construírmos a sociedade comunista.

Neste camiño podemos sinalar xa aos desertores. O sindicalismo español, tras unha folga xeral estatal que constituíu para eles un sinxelo trámite, un lavado de cara tras anos de seguidismo das políticas do PSOE, e tras negarse a sumarse á convocatoria de folga xeral nacional na Galiza co aberto boicot a esta iniciativa da CIG, amosouse como unha ferramente inútil nas mans das maiorías sociais do noso pobo. UGT e CCOO xa non representan aos traballadores, son os delegados entre estes dos designios do capital español e internacional, unha pedra no camiño da consecución dun sindicalismo amplo, combativo e nacional na Galiza. Pola contra, a CIG, o sindicato do que o propio pobo galego se dotou no seu proceso de autoorganización de cara á liberación nacional, defendeu en todo intre unha postura digna e reivindicativa, que tivo o seu máximo expoñente na folga xeral nacional convocada en solitario e coa que os traballadores e traballadoras de Galiza reclamaron non pagar os efectos da crise capitalista, o seu dereito a un marco galego de relacións laborais e o dereito a uns postos de traballo e sistema de pensións dignos.

Ese é o camiño que desde Isca defendemos para a mocidade galega. A xuventude debe empregar todo o seu potencial revolucionario e transformador para situarse xunto ao conxunto dos traballadores e traballadoras galegas e traballar no sindicalismo nacional e de clase na defensa dos nosos intereses de hoxe e de mañá, do emprego e das pensións, da independencia e o socialismo.

Adiante o sindicalismo nacional e de clase!

Viva Galiza ceibe e popular!

 

>>Descarga en pdf

A seguir podes ver un vídeo da manifestación de Vigo:

 

Galeriá de imaxes das manifestacións

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario