Desde Isca! aproveitamos o debate xerado arredor da Cruz do Castro en Vigo e a simboloxía que representa para recuperar un texto sobre a natureza de clase do fascismo da autoría de G. Dimitrov, secretario da Internacional Comunista do 1934 ao 1943, etapa álxida que rematou coa derrota do nazi-fascismo grazas á loita dos exércitos de liberación dos diferentes pobos, fundamentalmente do soviético, e que por desgraza non se ampliaría ao Estado español nen a Portugal nesa altura, reximes lexitimados a partir de aí baixo o paraugas dos EUA.
G. Dimitrov
(Extracto do Informe presentado ante o VII Congreso da Internacional Comunista 2 de agosto de 1935)
O carácter de clase do fascismo
O fascismo no poder, camaradas, é, como acertadamente o caracterizou o XIII Pleno do Comité Executivo da Internacional Comunista, a ditadura terrorista descarada dos elementos máis reaccionarios, máis chauvinistas e máis imperialistas do capital financeiro.
A variedade máis reaccionaria do fascismo é o fascismo de tipo alemán. Ten o atrevemento de chamarse nacionalsocialismo, malia non ter nada en común co socialismo. O fascismo alemán non é só un nacionalismo burgués, é un chauvinismo bestial. É o sistema de goberno do bandidaxe político, un sistema de provocacións e torturas contra a clase obreira e os elementos revolucionarios do campesiñado, da pequena burguesía e dos intelectuais. É a crueldade e a barbarie medievais, a agresividade desenfreada contra os demais pobos e países.
O fascismo alemán actúa como destacamento de choque da contrarrevolución internacional, como incendiario principal da guerra imperialista, como iniciador da cruzada contra Unión Soviética, a gran Patria dos traballadores de todo o mundo.
O fascismo non é unha forma de Poder Estatal, que estea, como se pretende, “por riba de ambas as clases, do proletariado e da burguesía”, como afirmou, por exemplo, Otto Bauer (1). Non é “a pequena burguesía sublevada que se apoderou do aparello do Estado”, como declara o socialista inglés Brailsford. Non. O fascismo non é un poder situado por riba das clases, nin o poder da pequena burguesía ou do lumpen-proletariado sobre o capital financeiro. O fascismo é o poder do propio capital financeiro. É a organización do axuste de contas terrorista coa clase obreira e o sector revolucionario dos labregos e dos intelectuais. O fascismo, en política exterior, é o chauvinismo na súa forma máis brutal que cultiva un odio bestial contra os demais pobos.
Hai que recalcar dun modo especial este verdadeiro carácter do fascismo, porque o disfrace da demagoxia social deu ao fascismo, nunha serie de países, a posibilidade de arrastrar con el as masas da pequena burguesía, enfurecidas pola crise, e até algúns sectores das capas máis atrasadas do proletariado, que xamais terían seguido o fascismo de ter comprendido o seu verdadeiro carácter de clase, a súa verdadeira natureza.
O desenvolvemento do fascismo e a propia ditadura fascista revisten nos distintos países formas diferentes, segundo as condicións históricas, sociais e económicas, as particularidades nacionais e a posición internacional de cada país. Nuns países, principalmente alí onde o fascismo non conta cunha ampla base de masas e onde a loita entre os distintos grupos no campo da propia burguesía fascista é bastante dura, o fascismo non se decide inmediatamente a rematar co parlamento e permite aos demais partidos burgueses, así como á socialdemocracia, certa legalidade. Noutros países, onde a burguesía dominante teme o próximo estalido da revolución, o fascismo establece o monopolio político ilimitado, ben de vez, ben intensificando cada vez máis o terror e o axuste de contas con todos os partidos e agrupacións rivais, o cal non exclúe que o fascismo, no momento en que se lle agrave dun modo especial a súa situación, intente estender a súa base para combinar – sen alterar o seu carácter de clase – a ditadura terrorista aberta cunha basta falsificación do parlamentarismo.
A subida do fascismo ao poder non é unha simple mudanza dun goberno burgués por outro, senón a substitución dunha forma estatal da dominación de clase da burguesía –a democracia burguesa – por outra, pola ditadura terrorista aberta. Pasar por alto esta diferenza sería un erro grave, que lle impediría ao proletariado revolucionario mobilizar as máis amplas capas dos traballadores da cidade e do campo para loitar contra a ameaza da toma do poder polos fascistas, así como aproveitar as contradicións existentes no campo da propia burguesía. Con todo, non menos grave e perigoso é o erro de non apreciar suficientemente o significado que teñen para a instauración da ditadura fascista as medidas reaccionarias da burguesía que se intensifican actualmente nos países de democracia burguesa, medidas que reprimen as liberdades democráticas dos traballadores, restrinxen e falsean os dereitos do parlamento e agravan as medidas de represión contra o movemento revolucionario.
Camaradas, non hai que acreditar no ascenso do fascismo ao poder dunha forma tan simplista e pobre, coma se un comité calquera do capital financeiro tomase o acordo de implantar en tal ou cal día a ditadura fascista. En realidade, o fascismo chega xeralmente ao poder en loita, ás veces exaltada, cos vellos partidos burgueses ou con determinada parte destes, en loita até no seo do propio campo fascista, que moitas veces conduce a choques armados, como vimos na Alemaña, Austria e outros países. Todo isto, con todo, non diminúe a significación do feito de que, antes da instauración da ditadura fascista, os gobernos burgueses pasen habitualmente por unha serie de etapas preparatorias e realicen unha serie de medidas reaccionarias, que facilitan directamente o acceso do fascismo ao poder. Todo aquel que non loite nestas etapas preparatorias contra as medidas reaccionarias da burguesía e contra o crecente fascismo, non está en condicións de impedir a vitoria do fascismo, senón que, pola contra, a facilitará.
Os xefes da socialdemocracia encubriron e ocultaron ante as masas o verdadeiro carácter de clase do fascismo e non chamaron á loita contra as medidas reaccionarias cada vez máis graves da burguesía. Sobre eles pesa unha grande responsabilidade histórica polo feito de que, nos momentos decisivos da ofensiva fascista, unha parte considerábel das masas traballadoras da Alemaña e doutra serie de países fascistas non recoñecese no fascismo a fera sedenta de sangue do capital financeiro, o seu peor inimigo e que estas masas non estivesen preparadas para facerlle fronte.
Onde emana a influencia do fascismo sobre as masas? O fascismo logra atraer as masas porque especula de forma demagóxica coas súas necesidades e esixencias máis candentes. O fascismo non só instiga os prexuízos fondamente enraizados nas masas, senón que especula tamén cos mellores sentimentos destas, co seu sentimento de xustiza e, ás veces, até coas súas tradicións revolucionarias. Por que os fascistas alemáns, eses lacaios da grande burguesía e inimigos mortais do socialismo, fanse pasar perante as masas por “socialistas”, e presentan a súa subida ao poder como unha “revolución”? Porque se esforzan en explotar a fe na revolución e a atracción do socialismo que viven no corazón das amplas masas traballadoras da Alemaña.
O fascismo traballa ao servizo dos intereses dos imperialistas máis agresivos, mais ante as masas preséntase baixo a máscara de defensor da nación aldraxada e apela ao sentimento nacional ferido, como fixo, por exemplo, o fascismo alemán que empurrou consigo as masas pequenoburguesas coa consigna de “Contra Versalles!”.
O fascismo aspira á máis desenfreada explotación das masas, porén, achégase a elas cunha demagoxia anticapitalista moi hábil, explotando o profundo odio dos traballadores contra a burguesía voraz, contra os bancos, os trusts e os magnates financeiros, e lanzando as consignas máis sedutoras para o momento dado, para as masas que non chegaron a unha madurez política; na Alemaña: “o ben común está por riba do ben particular”; na Italia: “ o noso Estado non é un Estado capitalista, senón un Estado corporativo”; no Xapón: “por un Xapón sen explotadores”; nos Estados Unidos: “pola repartición das riquezas”.
O fascismo entrega o pobo á voracidade dos elementos máis corrompidos e venais, mais preséntase ante el coa reivindicación dun “goberno honrado e insubornábel”. Especulando coa profunda desilusión das masas respecto dos gobernos da democracia burguesa, o fascismo indígnase hipocritamente ante a corrupción (véxase, por exemplo, o caso Barmat e Scularek na Alemaña; o caso Staviski na Francia e outros).
O fascismo capta, en interese dos sectores máis reaccionarios da burguesía, as masas decepcionadas que abandonan os vellos partidos burgueses. Mais impresiona a estas masas pola violencia dos seus ataques contra os gobernos burgueses, pola súa actitude irreconciliábel fronte aos vellos partidos da burguesía.
Deixando atrás todas as demais formas da reacción burguesa, polo seu cinismo e as súas mentiras, o fascismo adapta a súa demagoxia ás particularidades nacionais de cada país e até ás particularidades das diferentes capas sociais dentro dun mesmo país. E as masas da pequena burguesía, mesmo unha parte dos obreiros, levadas á desesperación pola miseria, o paro forzoso e a inseguridade da súa existencia, convértense en vítimas da demagoxia social e chauvinista do fascismo.
O fascismo chega ao poder coma o partido do asalto contra o movemento revolucionario do proletariado, contra as masas populares en efervescencia, mais presenta a súa subida ao poder como un movemento “revolucionario”, dirixido contra a burguesía en nome de toda “nación” e para “salvar” a nación. (Lembremos a “marcha” de Mussolini sobre Roma, a “marcha” de Pilsudski sobre Varsovia, a “revolución” nacionalsocialista de Hitler na Alemaña, etc.).
Mais calquera que for a careta coa que se disfrace o fascismo, calquera que for a forma na que se presente, calquera que for o camiño polo cal suba ao Poder, o fascismo é a máis feroz ofensiva do capital contra as masas traballadoras; o fascismo é o chauvinismo máis desenfreado e a guerra de rapina; o fascismo é a reacción feroz e a contrarrevolución; o fascismo é o peor inimigo da clase obreira e de todos os traballadores.
(1) Bauer, Otto – Un dos dirixentes do Partido Socialdemócrata Austríaco e da Segunda Internacional oportunista e revisionista. Creador da teoría nacionalista sobre a “autonomía cultural nacional”, ideólogo do chamado “austro-marxismo”.