En primeiro lugar, cómpre sinalarmos que as políticas en resposta á pandemia están determinadas pola natureza de clase dos diferentes Estados. Isto é, se son Estados burgueses ou se son Estados democrático-populares, socialistas ou de transición ao socialismo. Nestes últimos, a planificación económica está organizada en función dos intereses e necesidades da maioría social, xa que o poder político (a priori) está en mans da clase obreira, polo tanto os seus intereses están garantidos, alén da correlación de forzas existente en cada momento. Vemos como nestes países, a pesar de que poden mesmo coexistir (en maior ou menor grao) diferentes formas de propiedade, non existe a anarquía da produción inherente á hexemonía do capital. Isto permite organizar a sociedade para satisfacer necesidades fundamentais, tanto para dar resposta inmediata á crise sanitaria como para deseñar unha estrutura socioeconómica correctamente planificada para o escenario posterior á pandemia.
Algunhas das prioridades que, en conxunto, só estes países poden satisfacer plenamente son as seguintes:
– Paralización inmediata das actividades económicas non esenciais (sen ter que agardar a que morran milleiros de persoas, a diferenza de moitos Estados capitalistas). En relación con isto, a toma de medidas de prevención, vixilancia e confinamento serias e reais, poñendo no centro a vida das persoas.
– Reorientación en bloque da produción no marco da crise sanitaria para a fabricación de produtos sanitarios esenciais, isto é, ao servizo das necesidades sociais.
– Uso da ciencia e tecnoloxía ao servizo do pobo e as súas necesidades, principalmente en escenarios de crise sanitaria como o actual.
– Prohibición de calquera tipo de especulación cos prezos de produtos básicos e garantía de acceso gratuíto e universal a produtos sanitarios como máscaras. Os tests do coronavirus tamén son de balde. A diferenza dos Estados capitalistas, a saúde da poboación está por riba dos lucros dunha minoría.
– Por suposto, prohibición da “mobilidade laboral”, isto é, de efectuar calquera tipo de despedimento no marco da crise sanitaria.
– Niveis elevados de concienciación social fronte ao individualismo, o sálvese quen puider e o darwinismo social imperantes nos Estados capitalistas occidentais.
– Malia que actualmente estes países están todos en vías de desenvolvemento, esfórzanse por dar pulo á súa propia produción nacional (atendendo ás necesidades sociais, como xa dixemos antes) e ao desenvolvemento económico soberano e autocentrado, reducindo a dependencia externa -e neste caso, principalmente para a defensa da soberanía alimentar e a fabricación de medicamentos e produtos sanitarios. En definitiva, procuran impulsar unha sólida industrialización nacional.
– Exemplos de humanismo e solidariedade internacionalista co resto dos pobos do mundo, enviando médicos e recursos sanitarios -mesmo a eses países que tanto demonizan o socialismo- fronte ao egoísmo dos Estados capitalistas e imperialistas.
Son estes países os que, parafraseando o lema da nosa campaña, poñen “a vida no centro”.
Mentres tanto, nos Estados capitalistas e imperialistas os intereses do grande capital están sempre por diante da saúde da poboación. As políticas destes Estados nunha crise destas características, dependen da correlación de forzas entre as clases en loita, moi por riba da cor dos diferentes gobernos en cuestión. Por exemplo, as políticas do Estado francés, gobernado polo dereitista liberal Macron (como a suspensión dos pagos de facturas e alugueiros, regulación dos prezos de produtos sanitarios fundamentais, posibilidade de nacionalizacións…) son máis avanzadas que as do chamado “goberno progresista” no Estado español. Isto é debido a que no caso francés existe un potente e combativo movemento social e sindical para as loitas inmediatas (os coletes amarelos, un digno sindicato de clase como a CGT…) con capacidade para paralizar o país, malia a inexistencia dunha organización comunista de vangarda. Ao mesmo tempo, no Estado español, os sindicatos españolistas colaboran abertamente nas políticas anti-obreiras. En definitiva, os gobernos burgueses como consello de administración dos intereses do grande capital executan as políticas máis axeitadas para xestionar e reforzar ese proxecto de dominación. Eles tamén teñen táctica e estratexia; a súa táctica é flexíbel en función do contexto e a correlación de forzas, mais o seu obxectivo estratéxico non se altera: é a perpetuación do modo de produción capitalista e a ampliación dos lucros do capital. Neste sentido, é importante lembrarmos que un incremento do intervencionismo estatal burgués na economía non é sinónimo dunha política socialista ou dun achegamento ao socialismo. Se así fose, o chamado “Estado do benestar” desenvolvido nos Estados imperialistas centrais (froito do espolio dos países dependentes e periféricos e dunha correlación de forzas diferente, coa existencia dun potente bloque democrático-popular e socialista) debería ser supostamente un achegamento ao socialismo, mais está claro que non foi así. Aliás, as nacionalizacións nun contexto de crise sanitaria como a actual poden ser estritamente temporais, cumprindo co principio capitalista da “privatización dos beneficios, socialización das perdas”. Polo tanto, os dereitos obreiros e populares no marco do capitalismo sempre van estar en permanente cuestionamento.
É unha cuestión de gañar o poder político, rachar cos Estados burgueses e o dominio do capital, erguendo novos Estados ao servizo do pobo traballador. Nese sentido, existen diferentes experiencias que emprenderon ese camiño e afirman avanzar cara ao socialismo, sendo países gobernados por partidos comunistas. Non é o noso obxectivo aquí xulgar se realmente van en dirección a ese horizonte ou non, mais a súa resposta durante a presente crise sanitaria amosa as potencialidades dos procesos de transición ao socialismo e a existencia dunha alternativa real fronte á brutal hexemonía do capital monopolista.
Nas seguintes semanas falaremos máis polo miúdo de tres casos concretos de estados que protagonizan os chamados procesos de transición ao socialismo -Cuba, China e Vietnam- e da súa actuación perante a aparición do COVID-19.