O enguedello das “caixas” III. Capital “do norte”, capital “do sur”

Non me non reprendades. Non esquecín aquilo de que “o capital non ten patria” -nin falla que lle fai.Inda menos agora que non precisa pasaporte para atravesar fronteiras, e mesmo conseguiu o don da ubicuidade refugado até agora aos simples mortais. Mais o caso é que nin o norte nin o sur son “patrias”. Nin sequera son “localidades”. Simples pontos cardinais, referentes extremos pra fixar a latitude da posición na esfera, na bóla do mundo. Nada que poida dar pé a “patriotismo” nin sequera “localismo” de caste ningunha. Só a fixar posición(s) na esfera -e naturalmente, chegado o caso, a guerras de posicións, iso si. Guerras, por certo, tanto máis cruentas e devastadoras, con tanto máis vítimas civís e “danos colaterais”, canto meirande sexa a envergadura e potencia de fogo dos antagonistas e a dimensión do espazo xeonómico convertido en escenário bélico -e non á inversa. Causan moitos máis destragos as guerras no seo dos oligopolios, ou mesmo antre as grandes corporacións que se disputan un mercado de competencia monopolística, do que antre os minúsculos actores do mercado de competencia perfecta imaxinado nos tratados académicos de microeconomía. Para empezar, dos “minúsculos” caídos en combate ninguén se ocupa: é a lei da competencia, díselles -é “lei de vida”, vénselles dicir. Agora, dos grandes, os máis grandes, e os mastodontes, teñen que ocuparse os poderes políticos, os Estados, ou a mesmísima “comunidade internacional”: de “reflotalos”, pór a salvo aos seus comandantes, repoñer baixas e perdas, xestionar a desfeita, financiar a reconstrución -e todo ás costas de todos nós, os cidadáns do común, os que padecemos primeiro a acción despótica dos magnates, sufrimos logo inermes os destragos da guerra, e aturamos ao cabo os custos do salvamento dos guerreantes e da reconstrución do escenario bélico. Até o seguinte episodio. Porque na economìa capitalista si que resulta certo que a política é a continuación da guerra por outros medios -en sarcástico investimento dos termos do requilorio famoso de von Klausevitz.

E que ninguén remusgue, que a ninguén do común se lle ocurra preguntar: e logo os grandes non teñen que ser solventes, eficientes e competitivos, a lei da competencia non rexe para eles?; non teñen que apandar coas perdas os seus donos, como calquer comerciante do común que se arruina?. Será fulminado por iñorante, por non entender que está en xogo o “interese social” e a estabilidade do sistema. De xeito que a mellor defensa non consiste en seres eficiente, senón en seres grande, canto máis mellor, até converter os resultados da túa ineficiencia en problema de Estado e ameaza de crise do sistema: daquela terán que sacarche as castañas do lume queiran que non. Así que, se tes buracos nas contas por seres imprudente, incompetente ou mal xestor, xúntate con outros coma ti, proponlles unha fusión, metede nun mesmo saco as perdas vosas todas, e ide reclamarlle ao Estado salvamento e protección: iso chámase un SIP -sistema institucional de protección. É unha variante instrumental dun proceso que antes tiña un nome máis sinxelo e diáfano: concentración e centralización do capital e o poder conómico -conxénito ao capitalismo, á sua lóxica e ao seu desenvolvemento histórico.

Claro que, á longa, ese proceso acaba coa competencia e co mercado mesmo. Mais, alguén cre que eles cren niso da concorrencia perfecta e no mercado omnisciente que impón as súas regras de xogo obectivas aos actores todos que nil concorren? Sabémolo ben os usuarios de enerxía elétrica, que agora podemos escoller entre distintas empresas “comercializadoras” desa enerxía, pero non entre diferentes prezos e calidades do servizo, porque todas ofrecen os mesmos contratos “de adhesión” coas mesmas condicións leoninas e atrácannos coas mesmas tarifas abusivas, como se a luz e a calor fosen bens de luxo para millonarios caprichosos e, polo tanto, prescindíbeis para as xentes do común: son persoas xurídicas distintas, mais un só leviathan verdadeiro. E sábeno moi ben, sobre todo, os apóstolos ultraliberais do mercado e a competencia: o mercado ideal para eles é aquel no que unha soa megaempresa global ocupa o mercado mundial do produto que ela ofrece, e portanto non ten competidor ningún -ou sexa, o “mercado inexistente” ou, máis fino, o “mercado virtual”, equivalente á reinvención dunha economía con planificación central, só que á marxe do poder político e con racionalidade antisocial. Na banca, o mesmo. Mellor dito, a banca, nisto, raia na perfección: o produto que vende sono os cartos, o diñeiro mesmo, e produce o diñeiro cos cartos dos demáis, non cos seus proprios. Na era ultra-liberal, o capital-diñeiro -ou sexa, o capital bancario ou “financeiro”- acadou a hexemonía sobre os demais -o industrial e o comercial. E comezou a enredar co seu xogo preferido: producir “borbollas”… até rebentar. Ou sexa, especular co diñeiro nos mercados financeiros, no canto de finanzar con il investimentos produtivos na economía real -único lugar onde se enxendra valor incorporado aos produtos que logo se trocan por diñeiro.

É algo elemental, e até o dixera Machado, coido, que era poeta e non banqueiro: “solo el necio confunde valor con precio”. Gañar diñeiro sen producir valor só pode facerse á conta dos que o producen. A especulación é un parasito da vida económica, e cando os parasitos proliferan nun organismo chúchanlle as enerxías, cáusanlle anemia e poden acabar por matar o ser vivo que os padece -sexa vexetal, animal ou… social. Mesmo por iso, Keynes, que era, el si, economista e non poeta, pretendía, co seu sistema, levar a cabo a “eutanasia do rentista”, como terapia profiláctica para salvagardar a saúde económica das sociedades. Mais a globalización financeira ultraliberal fixo todo o contrario: converteu o sistema económico mundial no paraíso dos rentistas, dos especuladores -dos parasitos. A tódolos niveis e en tódolos chanzos do sistema, até as pequenas industrias achuchadas polos intereses dos créditos, os pequenos comercios esganados polos alugueres dos locais, os asalariados afogados polas hipotecas das vivendas. Agora ben, reparade. A rede veicular do andacio parasitario foino o aparato circulatorio do sistema: dende os mercados bursáteis metropolitáns, co corazón en Wall Street, á rede arterial e venosa da banca e demáis intermediarios financeiros. O plasma ou fluxo sanguíneo portador do virus parasitario foino o capital-diñeiro -o financeiro- e non o capital-produtivo -o industrial. E o vento que difundiu o andacio por todo o sistema-mundo veu do norte, non do sur.

Así que, ao cabo e con todo, haivos norte e haivos sur neste enguedello. E capitais “do norte” e “do sur”, tamén, e a diferentes escadas cartográficas e latitudes da economía global. Tamén, polo tanto, na cartografía das “caixas”. E tamén no arco das latitudes intra-galegas do capital. Si, hai capital “do norte” e capital “do sur” mesmo tamén no liliput galego. E non é, en principio, custión de localización xeográfica nin de “localismo” -inda que lle cadre ter esas proxeccións. Non: é custión de índole ou morfoloxía do capital. Simplificadamente: o capital do norte é primordialmente capital-diñeiro; o do sur, industrial. Cadra logo tamén que o corazón financeiro do país está no norte, e no sur o corazón industrial. A realidade simplificada neste esquema non é de hoxe: veuse xestando dende un século atrás. E esa realidade, na súa dinámica evolutiva, condicionou e incidiu no proceso de conformación da idiosincrasia, estratexias financeiras, estrutura funcional e modalidades operativas de relación co contorno socioeconómico peculiares e diferenciais das dúas únicas caixas hoxe existentes en Galiza, e nomeadamente das entidades matrices dos procesos de fusión-absorción xa operados até hoxe -que en tres decenios reduciron o censo de sete a dúas se, coas presas, o meu caletre non reconta mal.

Hai preto de tres lustros, cando, a mediados dos noventa, se abordou a reforma da lei galega das “caixas” -ocasión perdida de innovar cunha normativa que tería evitado boa parte dos problemas actuais, como queriamos os nacionalistas- xa se escoitaba o balbordo, inda afastado, do asalto bancario ás “caixas” que acontecera noutras latitudes europeas, xa se abesullaba o cabalo-de-troia que podían volverse as “cotas participativas” para unha ulterior conversión desas entidades da economía social en sociedades por accións capitalistas, e xa tamén soaban trompetas, inda con surdina, chamando á fusión das catro “caixas” entón existentes -Galicia(Coruña), Ourense, Pontevedra e Vigo. Eu, como portavoz do Bloque no noso Parlamento, estudara a fondo e arrecadara asesoramento científico abondo sobre esa problemática. Tamén solicitara interlocución directa e franca con cada unha das catro entidades: unhas aceitárana e outras deran a calada por resposta -non vou desvelarvos cales foran unhas e outras. O caso é que conseguín analizar os seus balances, a estrutura das súas operacións activas, e ordear ao cabo a sua tipoloxía, nun leque que tiña nunha estrema á de Ourense e na outra á de Vigo. Ourense viña ser a máis “tradicional”, e tamén a máis embarcada daquela en operacións financeiras especulativas. Vigo, todo o contrario: a máis comprometida en finanzar investimento produtivo no tecido industrial do país, a empezar polo do hinterland vigués e o complexo mar-industrial galego -mais non só. Lémbrome dunha pintoresca anécdota do Vitorino Núñez, un día en conversa no Parlamento, dicíndome alporizado como Caixa Vigo arrecadaba liquidez no “interbancario” cando os tipos andaba polas nubens -Ourense, por suposto, “investía” no interbancario unha porción descomunal dos seus recursos, operación moi lucrativa pero absolutamente estéril para a malparada economía da provincia e do país. Cando, pouco despois, presións “políticas” espúreas forzaron a fusión das “caixas sul” que deu a luz a Caixanova, eu preguntábame que consecuencias tería aquel casoiro forzoso das dúas entidades máis distantes entre si nas opcións alternativas pola especulación ou polo finanzamento produtivo da economía real.

Alén doutras connotacións e implicación que hoxe vos aforro, direivos que a fusión que agora se pretende non resolve nada que non se poida resolver con outras fórmulas e vieiros, e só criará novos problemas que, se non saltan ao escenario no imediato, rebentarán no seu día. E non é un problema de “localismos” -inda que o localismo sexa doenza crónica no seo das necias, pitoñas e alienadas clases dirixentes indíxenas, tántas veces doentes de pailanismo vilego, que non aldeán. Nin de protagonismos vaidosos -malia que habelos háxaos. Sexamos analíticos e non badocos. Gayoso e Méndez son dúas mentes financeiras moi distintas. Mais non só polas suas respectivas personalidades intelectuais, profesionais e humanas. Tamén, e sobre todo, polos diferentes e até case antitéticos contextos peculiares nos que se forxaron as súas traxectorias á fronte de cadansúa entidade. Haivos capital “do norte” e capital “do sur”, reitero. E as súas diferentes lóxicas pódense artellar nunha política financeira pública autónoma e autótona, ou sexa, nacional galega, hoxe inexistente nas institucións políticas de autogoberno. Mais, como a auga e o aceite, comprimidas e mexidas a fortiori nun recipiente fechado ao baleiro, non haberá quen as faga emulsionar.

Orixinal en Altermundo.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario