O home novo, o Che

Foi en México onde un mozo arxentino que se debatía entre, como el mesmo dicía, o ‘socialudo’ e o ‘viaxeiro’, coñeceu uns guerrilleiros cubanos recentemente amnistiados polo Asalto ao Cuartel Moncada, entre os que destacaba a figura do avogado Fidel Castro. Este mozo de nome Ernesto sumouse á guerrilla nun restaurante fronte ao Hotel Galvestone en xullo de 1955 e converteríase no médico da guerrilla cubana. Na preparación física da expedición destacou como o mellor, malia a enfermidade respiratoria que padecía, o cal fai aínda máis meritorio o seu esforzo e determinación. Como destacado expedicionario foi posto ao mando como comandante da 2ª columna guerrilleira, que permitiu ao Exército Rebelde rexeitar a ofensiva do exército da ditadura de Batista. Este foi outro dos sucesos que fixeron ao Che Guevara medrar e desenvolver a súa capacidade organizativa, a súa intelixencia, o seu valor como guerrilleiro e unha especial sensibilidade humana e política cos campesiños. Máis tarde, o rexeitamento á ofensiva converteríase en contraofensiva que, coordinada xunto con outras organizacións revolucionarias, transformaríase á súa vez na toma de Santa Clara, o que provocou a fuxida do ditador Fulgencio Batista, quedando só o avance cara á capital e a proclamación do trunfo da Revolución. Como recoñecemento e homenaxe a esta gran personalidade da Revolución Cubana e do Exército Rebelde, o pobo cubano outorgoulle a condición de cidadán cubano de nacemento.

Como dirixente da construción socialista en Cuba asumiu distintas responsabilidades de grande importancia no goberno: primeiro, Director do Banco Nacional de Cuba, e posteriormente, Ministro de Industrias. É interesante a metodoloxía que puxo en práctica co fin de emendar as problemáticas que se desen en calquera industria: participar en primeira persoa na produción nos centros de traballo co fin de ver cales son os problemas reais desta e da clase obreira que a pon en marcha.

O Che foi un exemplo de combatente pola liberación nacional e a xustiza social. Así o demostrou ao marchar ao Congo coa determinación de realizar un dos maiores exercicios de internacionalismo proletario: axudar a guerrilla que tiña como obxectivo derrotar o goberno secesionista que asasinou a Patrice Lumumba coa axuda de mercenarios europeos. Despois desta campaña Ernesto volveu a Cuba para preparar a expedición a Bolivia. Foi alí onde un 8 de outubro foi ferido en combate na Quebrada del Yuro, e o 9 de outubro foi asasinado no pobo de La Higuera. As palabras do comandante mentres o soldado encargado de acabar coa súa vida lle apuntaba co fusil tremendo foron: «Dispara, covarde! Só vas matar un home

Un dato destacable é que entre batalla e batalla, o Che facía todo o posible para que os seus combatentes tivesen unha formación cultural sólida; daba maiores cargos a quen mostraba superación na aprendizaxe. Ensinaba matemáticas, historia e mesmo foi o mestre de moitos á hora de aprender a ler e escribir; existen fotografías onde se lle ve xunto a un gran taboleiro no medio dunha clase en plena guerra de guerrillas.

Cría no coñecemento, deixou os ollos en centos de libros, lía e escribía até altas horas da noite, era curioso e incansable por aprender, tanto daba filosofía, programación lineal, Neruda ou Marx. Traballaba dezaseis horas ao día, durmía seis, nunca tivo diñeiro, renunciaba ás comodidades, comía o mesmo que comía o pobo.

Non lle gustaba o protagonismo, era sinxelo, sen poses de estrela, a pesar de contar coa simpatía das masas. Ao primeiro a quen lle esixía era a si mesmo, e sempre contou coa credibilidade que lle daba actuar tal e como pensaba, sen traizoar nin se traizoar.

Hoxe en día, nun momento en que América Latina fai fronte ao imperialismo e os procesos populares avanzan en todo o continente, a figura do Che Guevara engrandécese como exemplo de comunista e revolucionario. E non só alí; o seu nome bérrase e a súa imaxe aparece nas loitas antifascistas e antiimperialistas de todo o mundo, desde Novorosia a Aleppo, pasando por todos os pobos oprimidos que ansían a súa liberdade. Por iso están máis presentes que nunca a súas palabras pronunciadas nunha asemblea xeral da ONU: «Esta grande humanidade dixo basta! e botou a andar, e a súa marcha de xigantes xa no se vai deter até conquistar a verdadeira independencia

No 47 aniversario do asasinato do Che, PATRIA OU MORTE!

ATÉ A VITORIA SEMPRE!

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario