O intento de calar a mocidade rebelde

“Traballo digno na nosa terra” é a frase de orde escollida desde Isca! na campaña que vimos realizando desde hai uns meses reclamando un futuro digno e sen explotación onde a mocidade galega non sexa condenada á pobreza, á precariedade, ao desemprego ou á emigación. Pobreza, precariedade, desemprego ou emigración son problemas que sofre toda a clase traballadora mais que inciden especialmente nas persoas máis novas por iso é para nós fundamental visibilizar a urxencia da loita social fronte ás mentiras que emanan desde o goberno español e desde a Xunta do Partido Popular. Visibilizar, polo tanto, o conflito, denunciar en cada recuncho do país e das nosas rúas o permanente estado de agresión ao que nos somete o poder.

No marco deste traballo de denuncia tres militantes da nosa organización foron abordados, a madrugada do pasado mércores, por dúas patrullas da policia, unha deles camuflada que procederon á súa identificación e posterior rexistro das súas pertenzas e do vehículo que estaban utilizando. Metodicamente foron estudados e algúns requisados diversos materiais axitativos, desde volantinas e voceiros até plantillas e pinturas. Após máis de media hora de retención os tres compañeiros foron liberados e denunciados por un presunto delito de danos en bens inmobles.

A persecución que na Galiza e concretamente na Coruña se vén realizando nos últimos meses contra os movementos de resposta social é evidente e palpábel con multitude de activistas sancionadas ou mesmo enxuizadas por denunciar publicamente a situación de miseria na que vivimos. As declaracións e actuacións de autoridades e policía van na dirección de calar, reprimir ou impedir toda disidencia ao sistema e nomeadamente a quen o fai desde unha óptica independentista e anticapitalista, chamando poderosamente a atención a utilización dos medios de comunicación para crear unha falsa realidade, como no caso que nos ocupa, exercendo estes de altofalantes das autoridades reproducindo falsedades, cun fin criminalizador.

O que é claro é que non conseguirán calar o descontentos ocial por medio da represión e que seguiremos contestando, malia todo, nas aulas, nos centros de traballo, na rúa e tamén nas paredes reclamando un futuro digno e na terra, en liberdade e sen explotación!

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario