O Mundial como pretexto de todo

Nas vindeiras datas asistiremos, como xa ten acontecido no pasado, á proliferación da simboloxía española por toda a xeografía galega xa sexa no urbano ou no rural. Unha orxía chovinista española que terá un duplo fin: por un lado, e en moitos casos, unha reacción optimista, un analxésico social perante a situación de inestabilidade social e económica, o desemprego e a miseria, as políticas de mercantilización do público e do desastre que sofre o país e, polo outro, lexitimar aínda máis o proxecto nacional imperialista español cada día máis cuestionado ou directamente amenazado polos procesos de liberación nacional cun estadío avanzado, nomeadamente o de Catalunya.

O fútbol tamén é política

As vitorias de España non serven a fins neutrais como tanto teiman en nos repetir; sabemos que o fútbol é utilizado cuns fins políticos moi concretos: como arma politizadora e ideoloxizadora de propaganda, exaltación e furor do proxecto español, normalizando nas rúas unha simboloxía que rexeitamos e que representa a negación da nosa nación e eliminando o sentimento galego na nosa terra para sermos máis colonia.

Así mesmo son aproveitadas como escusa perfecta para que os sectores máis reaccionarios e facistas da sociedade saian á rúa sen carauta. Non son casuais as exaltacións á unidade inquebrantable de España, a apoloxía descarada do terror franquista ou a queima de bandeiras asociadas ao nacionalismo ou ao independentismo, todo isto patrocinado polas institucións municipais que non dubidan en axudar a normalizar este tipo de accións gastando miles de euros na instalación de pantallas xigantes, a organización de diferentes eventos relacionados coa competición ou mesmo permitindo que o espazo público sexa masivamente ocupado nos festexos mentres todo tipo de manifestacións contrarias ao sistema requiren da superación dunhas trabas moi elevadas.

Por iso nós, mozas e mozos independentistas, sabemos que neste tipo de acontecementos temos dúas seleccións: a galega e calquera que xogue contra España. Porque somos moitas as galegas que non nos indentificamos coa selección do Estado que nos nega e fronte a abafante propaganda da súa “roja” a única cor vermella que nós defendemos é a da estrela da nosa bandeira nacional, como representación da xustiza e o poder popular, que aspiramos a ver ondear algún día no mais alto do podio nunhas olimpiadas ou nun mundial.

E no Brasil, não vai ter Copa

Não vai ter Copa é unha das frases de orde que hoxe berra unha gran parte do pobo do Brasil ante o inminente comezo dos partidos do mundial. Mundial que para algunhas xa comezou hai varios anos soportando un auténtico atropelo por mor dos despexos de barrios enteiros para a construción de infraestruturas, a precarización dos empregos e os abusos laborais, o grave impacto ambiental, a represión e a militarización e o desvío de fondos públicos para intereses privados sendo un gran negocio para a oligarquía mais un pésimo negocio para o conxunto das clases populares.

A quen benefician este tipo de macroeventos sería a primeira pregunta que nos deberiamos facer. Decenas de millóns de euros (até un total de 30.000 millóns, segundo algunhas estimacións) é o orzamento que o estado brasileiro ten invertido na construción de estadios, estradas ou complexos comerciais ás esixencias da FIFA, asociación pseudo-mafiosa que se encarga de organizar as competicións de fútbol a nivel internacional. Obras que o pasado máis recente demostran ser unha auténtica ruina, deixando ao seu paso toneladas de formigón e asfalto moi pouco utilizados ou directamente derruidos para lucro do capital por medio de adxudicacións millonarias, corrupción, sobresoldos ou financiación ilegal.

E, claro está, para a construción de todo este tipo de equipamentos hai que apartar (ou directamente eliminar) a quen molesta. Desde hai anos estase a levar a cabo desprazamentos forzosos da poboación máis pobre de certos barrios sendo recolocados en áreas alonxadas, na periferia ou pagándoselles indemnizacións ridículas calculándose en máis de 250.000 as persoas afectadas. Malia todo, as situacións máis dramáticas derívanse dos despexos violentos que non inclúen ningún tipo de solución alternativa á vivenda e onde familias enteiras son expulsadas das súas casas co posto, sen lle estar permitido recoller as súas pertenzas nin ter a onde ir.

Este proceso vén imposto grazas ás campañas mediáticas e a represión policial e militar. Baixo o pretexto de garantizar a seguridade e a loita contra o terrorismo vense de lexislar outorgar amplos poderes á policía, aumentando a violencia contra as respostas sociais, reforzando a censura e, principalmente, militarizando os barrios máis pobres e conflitivos. Detencións masivas, torturas ou mesmo asasinatos estanse a producir coa excusa da pacificación sendo, só en Rio de Janeiro, máis de 5.000 as persoas asasinadas ou desaparecidas desde 2007

Ante isto existe un movemento de resposta popular onde centos de miles de persoas saen á rúa a denunciar o dispendio en competicións deportivas mentres que non se é quen de garantir unha mínima asistencia sanitaria ou educativa a toda a poboación. As protestas repítense e así movementos de persoas sen casa, as traballadoras de transportes de São Paulo ou do profesorado e do estudantado teñen paralizado cidades enteiras do país nas últimas semanas reivindicando vivenda, saúde, transporte, educación, mellores salarios e condicións laborais ou a denuncia das ínfimas medidas de seguridade que teñen quen traballan na construción dos estadios e que están a morrer por mor dun outro terrorismo: o patronal. Algo que ben saben xa en Qatar, sede da seguinte edición do mundial, onde máis de 1.200 persoas teñen falecido en accidentes relacionados coas obras.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario