O noso leite, a nosa loita!

oNosoLeiteCoa entrada na UE o agro galego sufriu unha brutal reconversión. Nun escenario de expansión do noso tecido agrario, e nomeadamente do sector leiteiro, impúxose un sistema de cotas que regulaba a produción do leite en función de intereses alleos ao noso país e que resultaba completamente insuficiente para Galiza: as cotas leiteiras que nos asignaron non daban nin para abastecer o propio consumo e ó mesmo tempo obrigaba ás produtoras a investir grandes cantidades de diñeiro en modernizar e ampliar as súas instalacións. As loitas dos gandeiros e gandeiras en forma de manifestacións, tractoradas, e ata cancións (todas lembramos aquela de “e se non se pode vivir, pola culpa do progreso, a próxima tractorada hache de ser no congreso”), logrou que se aplicase o sistema de cotas máis tarde que no resto da UE e ademais, que a cota fose maior do previsto inicialmente.

Non obstante, xa se sabe que o que parte, leva a mellor parte, e na Galiza deixaron os refugallos. As cotas, con todo, seguían sendo insuficientes e a regulación do leite, algo que en abstracto é positivo, resultou nefasto porque se aplicou desde unha óptica capitalista e trouxo consigo consecuencias penosas para o noso agro: desde entón, gran parte das explotacións desapareceron. E esa tendencia continuou ata o día de hoxe.

Nos últimos anos asistimos á preparatoria para esmagar completamente ese sistema de cotas que xa adxectivamos como insuficiente, pero que ao mesmo tempo dotaba dun marco de certa estabilidade ao sector. Unha estabilidade, como é habitual no sistema económico actual, efémera. Desde a UE, co absoluto beneplácito do PPSOE, foron aumentando progresivamente as cotas a finais da década pasada, provocando caídas no prezo do leite insultantes. Dobremente insultantes, de feito: mentres o produtor non cobre os custes de produción, o consumidor, no mellor dos casos paga o leite galego a prezo de ouro e no peor, escolle marcas reclamo con prezos ínfimos. Cómpre mencionarmos as consecuencias que tivo para o agro galego o veto a Rusia, que non fixo se non acentuar a precarización do noso sector e demostrou unha vez máis que a UE nos quere ver consumindo pero non producindo.

A Política Agraria Común (PAC) é un fiel exemplo da vontade de asoballar o noso tecido agrario. Dos 50.000 millóns de euros que recibe o estado, destinanse aos pequenos produtores tan só o 25% (o 75% restante está reservado para as grandes industrias, os terratenentes ou a aristocracia). “Curiosamente” máis da metade das axudas concédense a maiores de 65 anos. Se temos un agro avellentado, con aldeas abandonadas e terreos a hermo non é por casualidade. As políticas europeas, aplicadas relixiosamente polos sucesivos gobernos centrais, favorecen exclusivamente os monopolios da industria leiteira mentres os nosos productores e productoras se ven avocados á absoluta ruína.

Agora, en abril do 2015 asistimos ó golpe definitivo, á segunda reconversión do sector. A supresión das cotas (que, “casualmente”, se fai efectiva mentres se está a negociar o TTIP) traerá consecuencias que xa están empezando a notar na nova caída de prezos, así como en conflitos como o provocado por leite Río e a súa negativa en recoller leite.

Desde Isca! defendemos a creación dun marco público de recollida, transformación e distribución de leite, que se vaia encamiñando á soberanía alimentar, que regule os prezos e impida a especulación dun produto que é de primeira necesidade. Defendemos o noso agro como sector estratéxico, como unha fórmula de traballo para os máis de 200.000 mozos e mozas que se viron obrigadas a deixar o noso país desde o inicio da crise. Queremos un agro libre do “libre” mercado, libre de gobernos que atacan permanentemente os nosos intereses, libre da alongada sombra dos oligopolios que non permiten florecer o noso futuro.

Só hai unha saída definitiva a esta situación: a planificación da economía en función dos intereses da maioría social, a ruptura inmediata coa UE e as súas políticas usureiras. Saudamos por tanto, a constitución da Plataforma en defensa do sector leiteiro e, como xa levamos feito todo este tempo, seguiremos participando e apoiando as mobilizacións en defensa do futuro do noso agro, porque a loita do leite é a loita de Galiza enteira.

O noso leite, a nosa loita!

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario