[Opinión] O que non se di de Venezuela

Hugo Chavez aseverou, parafraseando a Lenin, que “a verdade histórica era esencialmente revolucionaria”. Certamente é máis revolucionaria que calquera outra, porque resulta incontestable: é unha verdade contrastada, non revelada (a que toda persoa crítica debe aspirar a coñecer).

A verdade revelada de Venezuela é a que os axentes do capital desexan que prenda nas mentes da maioría da poboación, á que de xeito hábil e consciente foron domando e desinformando ó longo da historia recente. Non paga a pena gastar papel en reproducir todos os persistentes intentos de enturbiar o proceso revolucionario de Venezuela. Sen dúbida, os medios de comunicación do poder están gañando a batalla aquí, pero é unha victoria que ten as pernas moi curtas. Xusto como a mentira.

A verdade histórica é a que se oculta, e polo tanto, a que nos interesa debullar. É unha verdade perigosa porque lle confire unha perspectiva diferente e optimista ó futuro das traballadoras/es do mundo. Representa unha alternativa real, posible e cercana.

Analizaremos as diferentes políticas laborais e sociais que se implementan no estado español e confrontarémolas coas de Venezuela. Tomaremos dúas datas referenciais: 1980 (elaboración do Estatuto dos Traballadoras no estado español) e 1999 (toma do poder nas institucións e nas rúas por parte do pobo bolivariano representado na figura de Hugo Chávez).

Estado español: A consolidación do denominado “diálogo social” despois da “transición”.

Encetando a década dos oitenta, despois da “transición á democracia” cos Pactos da Moncloa de fondo, comézanse a frear as loitas das traballadoras/es no estado español. O capitalismo dáballe forma a un documento de mínimos, o Estatuto dos Traballadores, mentres perpetraba o debilitamento dos sindicatos estatais e con eles, de toda a clase traballadora no seu conxunto. Este proceso foi combatido grazas á consolidación do sindicalismo de clase xurdido nas nacións oprimidas, como na Galiza, pero ó mesmo tempo, acelerado polo ingreso na Unión Europea.

Comezouse o que deron en chamar “diálogo social”: o goberno (primeiro da UCD, despois do PSOE) chegaba a falsos compromisos de creación de emprego, a cambio dos pactos de contención salarial que culminaron no 1984 coa primeira reforma laboral. Esta reforma, asinada pola UGT, a CEOE e o PSOE, consolida un modelo de relacionamento que perdura ata hoxe. Os sindicatos estatais, un polo outro, non asumen que só hai unha resposta posible ante os ataques do capital. E non é sentarse a negociar nada.

Esta reforma liberalizou os contratos temporais, baixo a escusa da creación de emprego. Este mesmo pretexto vai lexitimar as seis reformas do goberno que se impuxeron dende 1994. Todas elas, vistas en perspectiva tiveron un triple obxectivo: fomentar a contratación temporal, para facilitar a flexibilidade; abaratar as condicións do despedimento (fixando indemnizacións de 8 días por ano para a maioría contratos temporais, reducindo tamén a indemnización do improcedente de 45 días a 33, eliminando os salarios de tramitación, ampliando as condicións obxectivas para os despidos colectivos, etc); e o máis grave: avanzar na destrución da negociación colectiva.

De xeito paralelo, vanse privatizando sectores estratéxicos. Se a comezos dos 80 se comezaba por privatizar a Seat, 30 anos despois, con todo o sector público vendido -a banca, a enerxía ou os estaleiros-, falamos de privatizar servizos sociais básicos, como a sanidade ou a educación.

República Bolivariana de Venezuela: 1999 o comezo do cambio.

Chávez comeza a súa primeira lexislatura, en febreiro do 1999, combatendo a reforma antiobreira aprobada polo goberno anterior tutelado polos EEUU. Esa mesma oposición, liderada pola dereita venezolana persiste ata o día de hoxe desestabilizando violentamente o país e evitando o desenvolvemento normal dunha política social. Esa mesma dereita (formada por sectores da burguesía coas súas ramas do poder eclesiástico, militar e económico) levou a cabo o fallido golpe de estado do ano 2002 que durou dous días e que foi contestado de xeito masivo nas rúas e nas urnas.

O imperialismo dos EEUU non logrou arrebatarlle o ben máis preciado de Venezuela, PDVSA, que unha vez xestionada polo goberno chavista redundou no beneficio da maioría. Grazas á universalización da educación, logrouse erradicar o analfabetismo no ano 2005. Grazas a cuadriplicarse o gasto social en sanidade, hoxe pódese dicir que o 95% da poboación ten acceso gratuíto a este servio básico. Grazas ás subvencións en bens esenciais como a comida ou a vivenda, en dez anos logrouse reducir a pobreza nun 50%, segundo confirmaba a ONU no 2011.

En canto á política laboral aprobáronse unha serie de medidas que contribuíron a garantir e consolidar os dereitos das traballadoras/es. A máis importante é a reforma da LOT no ano 2012, referendada en mais de 19.000 asembleas de traballadoras/es e respaldada polos sindicatos de clase. Nela regúlase, entre outras cousas, a obriga por parte das empresas públicas e privadas de aumentar os salarios cando aumenten os beneficios, o descanso pre e posnatal das nais, a redución da xornada laboral ou o endurecemento as condicións do despedimento aumentando as indemnizacións.

Baixo un sistema similar, dous modelos contrapostos

O modelo que se implementa en Venezuela, como vemos, ten como pretensión alcanzar unha redistribución da riqueza. Pola contra, no estado español búscase xustamente o contrario: a concentración dos medios de produción, dos medios financeiros e de comunicación nas mans duns poucos.

Agora ben, para que a Revolución Bolivariana sobrepase a meta que supón vencer a burguesía opositora, tal e como demandan os sectores máis conscientes do proceso, deben radicalizar a transición a un sistema socialista.

As traballadoras e traballadores galegos, pola nosa parte, temos o deber histórico de organizarnos, de manter un compromiso activo, de formar e conformar un criterio de clase. Somos as herdeiras e herdeiros de importantes loitas obreiras que nos teñen que valer de exemplo non só para defender os nosos dereitos, se non tamén para seguir avanzando na súa conquista. Con ese obxectivo traballamos no MGS.

Raquel Vázquez
Militante de Isca!, do MGS e membro do comité de empresa da teleoperadora Unísono.

Publicado no Arredista nº11, revista do Movimento Galego ao Socialismo.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario