Derrubemos o imposto. Construamos a utopía

Sermos mozas galegas implica termos todas as papeletas para acabar por facer vida fóra do lugar onde imaxinamos vivir desde pequenas. Conleva realizar tarefas (con sorte, remuneradas) que distan moito daquelas que nos viamos exercendo, ou mesmo non poder estudar o que desexabamos polo elevado importe das matrículas, uns prezos de vivendas abusivos ou pola falta de axudas públicas.

Poren, fóra das cuestións máis individuais, estamos no punto de mira da perda de dereitos colectivos: o da sanidade e a educación públicas, o da liberdade afectivo-sexual, o do acceso a ferramentas que conformen o pensamento crítico ou o do dereito a ter unha vivenda. Algúns pactos sociais dentro do capitalismo poden sufrir un salto atrás de se radicalizaren cara á dereita as políticas confeccionadas desde os poderes públicos. Debemos actuar para frear os retrocesos e conquistar certas vitorias. Mais, de veras é este o sistema que nós concibimos como xusto para todas as habitantes do mundo?

Ter a taxa de traballos máis precarios e con maior temporalidade, depender da familia e das axudas do económicas do Estado para completar estudos superiores, habitar os pisos con máis desperfectos e cos aumentos de prezo máis elevados, ou desenvolver enfermidades derivadas da incerteza do futuro. É iso ao que deberiamos estar destinadas as mozas e mozos, pasen as xeracións que pasen?

Escoitamos tantas veces que o planeta vai colapsar, ecolóxica, social ou tecnoloxicamente, que estamos a piques de crelo. “É máis fácil imaxinar a fin do mundo que a fin do capitalismo”. Por que non loitar con todas as enerxías para continuar a nosa existencia, mais dun modo que non só signifique prorrogala? Temos que imaxinar a alternativa. Temos que dar pasos cara ao mundo que ideamos: sen desigualdade.

Desde Isca! cremos que resignarmos a soportar o que o capitalismo e todas as súas lacras prepararon para nós é asinar a nosa sentenza. En canto ao sistema de organización económico-social, así como en calquera outro ámbito das nosas vidas, non debemos conformarnos co establecido e pensar a mellor forma de habitar esta terra. Do mesmo xeito que outras persoas (centos, miles, millóns) nas últimas décadas, cremos que existe un sistema mellor co que organizar este mundo, aquel onde as relacións humanas non se atopen mediadas polo capital, onde a vontade colectiva estea dirixida cara ao ben común, onde as individualidades se disolvan a favor da comunidade: o comunismo.

Por iso, para camiñar organizadamente cara a utopía como realidade, é necesaria a unión de todas as persoas que producimos. Lonxe dos principios que promove este sistema económico, é imprescindible, sobre todo, a unidade da xuventude arredor dos valores que conduzan a liberdade real do xénero humano. Debemos pór toda a intelixencia para destruír o vello mundo e construír unha Galiza nova.

 

CINCO LOITAS

ECOLOXISMO

Condenamos o uso voraz que o sistema capitalista fai dos recursos naturais. Na Galiza sufrimos un alto impacto ecolóxico por causa da instalación de minas, papeleiras, carboeiras… que moitas veces se impuxeron coa poboación local en contra. Sabemos que hai un outro xeito de nos relacionarmos co medio e queremos derrubar este sistema asasino para frear a emerxencia climática coa que nos ameazan.

FEMINISMO

Estes son anos de grande mobilización feminista, mais sabemos que a participación popular non pode rematar aí. Mentres o patriarcado e o capitalismo existan, as mulleres continuaremos a sufrir todas as miserias machistas. Debemos aspirar a derrubar a construción que se sostén sobre o noso traballo doméstico e de coidados gratuíto, que se alimenta das inseguridades que nos provoca e que é cínico cando sufrimos as violencias máis terríbeis.

LGBT

Estamos fartas de agresións, mais tamén do branqueamento que o capitalismo busca apropiándose da nosa loita, cuxas orixes son obreiras e periféricas. Organizámonos como autodefensa e como ofensiva. Aspiramos a non ter que xustificarnos, a erradicar a violencia arredor do mundo. Estamos con aquelas que se enfrontaron ao sistema e que fixeron tremer a heteronorma.



PRECARIEDADE, VIVENDA E TRABALLO

Ano a ano os alugueres soben, os empregos son máis inestábeis e os salarios máis baixos. Vivimos encadeando traballos que non nos permiten vivir dignamente. E, se non os hai, temos que procurar alternativas. Como as xeracións anteriores, as galegas temos que facer as maletas e vender a nosa forza de traballo fóra. Necesitamos melloras urxentes, mais só nos poderemos emancipar completamente cando o sistema económico deixe de lucrarse co noso traballo mal pago e deixe de expulsarnos dos nosos fogares.



REPUBLICANISMO E LAICISMO

Vivimos unha nova vaga represiva: física, económica e ideoloxicamente. Loitamos para que todas teñamos dereitos, e confrontamos cos discursos máis regresivos e perigosos. Defendemos os valores da liberdade, da ausencia de explotación e discrimación, do antifascismo. Queremos unha sociedade onde a relixión non teña influencia nas nosas vidas.

Escríbenos

Queres coñecer máis sobre nós? Envíanos unha mensaxe!

Isca! - organización da mocidade rebelde galega