[Opinión] Crebar o patriarcado pola esquerda

12380762_10208837362161701_2064543360_oArtigo orixinal en Sermos Galiza.

Mais un ano, perante o 8 de marzo é necesario lembrar a vixencia de certas reivindicacións que xurdiron hai un século, xa que é un facto que hoxe as mulleres aínda somos o segundo sexo. Na era da información seguimos a vivir rodeadas dun concepto erróneo de feminismo, chegando en certos sectores a negarse a vixencia da opresión de xénero.

Ante cada intento de sacar á luz os pequenos e grandes machismos cotiáns, aos que temos que enfrontarnos todas aquelas que non somos un varón cis-hetero enfrontámonos a continuas acusacións de esaxeradas, histéricas, “mal folladas” ou “feminazis”. Mentres tanto, e quizais por sermos máis as concienciadas que berramos nas rúas e nas redes que non existe a igualdade que nos tentan vender, nestes últimos tempos teñen ofrecido espazos nos mass-media que abordan, por exemplo, os feminicidios, mas sempre dun xeito edulcorado, invisibilizando a loita feminista e evitando profundizar tanto na orixe do problema como nas ferramentas necesarias para construír unha nova sociedade.

Estes machismos cotiáns afectan tamén á burguesía, pero son verdadeiramente graves na clase traballadora. As mulleres traballadoras, alén de sermos cousificadas e infravaloradas, alén de sofrermos o paternalismo da sociedade, vémonos afectadas neste momento por unha precariedade laboral crítica. O sistema resérvanos os traballos menos valorizados: nós somos as traballadoras non cualificadas, as coidadoras, as limpadoras , as empregadas do fogar (levando a cabo máis do 95% do traballo deste sector), traballos desagradecidos e mal pagos. Cando optamos a traballos noutros sectores aínda seguimos cobrando salarios inferiores aos nosos compañeiros e temos de enfrontarnos ás paredes e o teito de vidro. Para ascender na pirámide xerárquica é precisa experiencia en postos de xestión na dirección, produción ou vendas: postos que poucas veces nos son asignados. No 2012 no Estado Español só un 28,4% das mulleres acadaran postos directivos superiores ou medios.

Segundo datos do INE, a fenda salarial entre homes e mulleres aumentou entre 2009 e 2013 sobre todo nas franxas de idade menores a 35 anos. Somos as rapazas novas e precarias as que máis sufrimos a desigualdade. As mozas, cada vez máis formadas, temos que pelexar por incorporarnos ao mundo laboral superando todas as trabas imaxinábeis. Traballando case de balde, con bolsas públicas, para acadar a ansiada experiencia que se nos esixe. Empregos por horas en sectores de vendas, nos que se non acadamos un mínimo non cobraremos. Contratos en prácticas, nos que desenvolveremos o mesmo traballo que os demais por un salario inferior. Sempre traballos temporais mediante os que tentamos saír adiante, ter dereito á seguridade social e independizarnos para construír a nosa vida como adultas.

No ano 2014 as mulleres conformabamos o 45,6% da poboación activa; isto non é máis que un espellismo de igualdade, xa que ao profundizar vemos que desenvolvemos o 73,3% dos empregos con xornada parcial. Estes empregos con xornada parcial servirannos para aportar un extra á economía do fogar, en ningún caso para ofrecernos independencia económica. Unha independencia económica que nos permite desenvolvernos como seres autónomos e non como propiedade de ninguén. Unha independencia na que, de darse o caso, sentiriámonos libres de denunciar malos tratos no núcleo familiar sen medo a ficar sen recursos.

En moitos dos casos, somos nós mesmas as que abandonamos a independencia económica ao ter fillos ou asumir outras cargas familiares. O reparto de tarefas así como a conciliación seguen a ser utopías no día de hoxe, e son moitas as mulleres que non poden compatibilizar a vida laboral cos coidados que teñen que asumir nesta sociedade patriarcal.

A maternidade convértese ás veces nunha imposición social, mais unha vez asumida non existe a colaboración social necesaria para afrontala. Cando o salario do que se dispón é precario e o horario laboral non se axusta ao cuberto polas garderías públicas, asumir o custe de xardíns de infancia privados ou de coidadoras a domicilio é un imposíbel e son moitas as mulleres que deixan de traballar para atender ao seu entorno. Isto implica renunciar a unha vida social que moitas veces desenvolvemos durante a xornada laboral. O mesmo acontece con outras responsabilidades familiares que no modelo actual recaen sobre nós, como maiores ou enfermos ao noso cargo, coidados aínda máis desprestixiados na sociedade.

Dáse tamén o caso contrario: mulleres que teñen que se reincorporar ao seu posto de traballo demasiado cedo e senten que non están a vivir a maternidade con naturalidade. Asumir unha xornada laboral aínda que for reducida, mais os coidados da casa e da crianza non só é esgotador, senón que nos rouba o tempo do que dispoñemos para nos propias.

Neste senso as mulleres con alto poder adquisitivo contan con recursos dos que non dispoñemos as mulleres de clase traballadora.

A República Democrática Alemana demostrou que era posíbel e sostíbel realizar políticas por e para mulleres, que permiten a conciliación de vida laboral e familiar. Con iniciativas como o apoio económico ás nais ofrecéndolles unha asignación mensual, ou o sistema de garderías e centros infantís públicos, nos que as nenas recibían atención e coidados após a escola até cumpriren os 10 anos. Mais a nós, o capitalismo e o patriarcado exprímennos, desvalorízannos, esgótannos e esíxennos que sosteñamos o sistema.

Cando a crise do capitalismo continúa a sumirnos nunha precarización cada vez máis fonda, o patriarcado reléganos a un eterno segundo plano: a seguírmonos esforzando por un traballo aínda máis lixo, por un salario aínda inferior e a cargar sobre as nosas costas o traballo doméstico que a sociedade invisibiliza.

É preciso liberármonos. Urxe un cambio de sistema co fin de acadar unha igualdade real, para que nos emancipemos como mulleres e como obreiras. Por iso, é necesario organizarse en espazos propios, traballar xuntas, en sororiedade, construíndo feminismo de clase. Ese feminismo eficaz do que falaba Angela Davis, que tería que loitar contra a homofobia, a explotación de clase, raza e xénero, o capitalismo e o imperialismo. Capitalismo e patriarcado forman un ente bicéfalo que debemos derrubar para acadar unha sociedade xusta, libre e solidaria.

.

Xandra Martínez é militante de Isca! e do Movemento Galego ao Socialismo

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario