Os festivais de música en verán o modelo de ocio xuvenil

festiestreleiraNos últimos anos a oferta de festivais de música está a medrar considerabelmente. Concentrados nos meses de verán, figuran como citas ineludíbeis para a unha parte da mocidade, que ano após ano acode en maior número, asentando este modelo de ocio nas nosas vidas.

Entendemos que a música é parte fundamental da nosa cultura e ocio. Na Galiza (como noutros países) a música serviu historicamente para transmitir unha mensaxe de reivindicación e rebeldía, sendo outra ferramenta coa que comunicar as problemáticas da sociedade. No caso dos festivais populares de verán, estes serven para coñecer música doutras culturas ou para pór en valor a longa lista de bandas galegas que producen música de calidade, en galego e comprometida coa Terra. Ademais, son espazos nos que socializar, coñecer xente nova, charlar coa amiga que está emigrada e desfrutar das nosas vacacións. Mais existe unha cara menos amábel, os macrofestivais, nos que, en moitas ocasións, encontramos precariedade e explotación laboral, acceso masivo ás drogas, machismo, lgtbifobia e invisibilización da música en galego.

– Precariedade e explotación laboral: Detrás dos grandes festivais, sempre hai empresas que van saír gañando. A explotación está presente en todos os ámbitos da nosa vida, tamén nesta opción de ocio na cal é habitual traballar até altas horas da madrugada por baixos salarios, e en moitas ocasións sen contrato. Tamén existe a posibilidade de traballar en troca de entrada e bebida. En definitiva, as empresas privadas aprovéitanse da mocidade para maximizaren o seu lucro.

– Drogas como elemento de alienación: Este modelo de macrofestival concentra milleiros de persoas en lugares onde, a miúdo, o consumo de alcohol e outras substancias está por enriba da propia música, e os eventos están patrocinados polas mesmas marcas de bebida.

Non é o obxectivo deste artigo xulgar o consumo de drogas, nin abrir un debate sobre a súa existencia, mais o certo é que o consumo masivo destas serviu historicamente en moitas ocasións para calmar unha mocidade que se caracterizou por plantar cara ao sistema e construír ferramentas que camiñasen neste sentido. E iso é algo que non debemos perder de vista

– Machismo e lgtbifobia: Como en toda concentración de masas, o machismo e a lgtbifobia están á orde do día, dándose casos de acoso sexual e agresións homofóbicas. Todas as que asistimos algunha vez a un festival presenciamos ou sofremos agresións patriarcais de maior ou menor grao. Desde insultos ou piropos até malleiras ou violacións, un amplo espectro que presencia, normalmente impasíbel, o persoal de seguranza. Experiencias incómodas deste cariz provocan que moitas compañeiras deixen de participar neste tipo de espectáculos.

– Invisibilización do galego: Aínda que o fenómeno dos macrofestivais non está tan asentado no noso país, o certo é que, fronte ao festival popular que normaliza o uso da nosa lingua en todos os aspectos, existen outros festivais que apostan por invisibilizar o galego co suposto obxectivo de chegar a máis xente (como se cantar en galego fose incompatíbel con iso), tanto na promoción como á hora da contratación de bandas.

Defendemos un ocio en galego, o impulso de espazos que promovan grupos nacionais que, pese a contar con moita calidade, non teñen recursos económicos para se daren a coñecer.

Salientando mais unha vez o positivo dos festivais de verán, entendemos que hai que mudar o ocio que promove un sistema que quere achegarnos a un modelo de consumo masivo como elemento de alienación. Aínda que na actualidade o termo diversión estea degradado completamente, existen ferramentas para construírmos unha nova sociedade en que non mercantilicen as nosas vidas. Esta mudanza pasa pola superación do capitalismo, un sistema que deturpa o significado de ocio e cultura, póndoas ao servizo do lucro individual, e onde a mocidade debe adoptar un rol de consumidor impulsivo, véndose arrastrada cara ao individualismo e a autodestrución.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario