Os Comités da facultade de dereito, en colaboración con outras facultades do campus da Coruña, veñen realizando unha campaña de información ao estudantado dos dereitos dos que gozan. Após de esixir o cumprimento destes dereitos nos órganos institucionais, están facendo un labor de concienciación para protestar nos casos en que se vulneren estes dereitos.
En particular, un dos dereitos dos que gozamos tod@s @s estudantes é o de recibir os exames en galego. Se isto non se produce de oficio, temos o dereito a pedir que se nos dea o exame en galego. Mais en moitas ocasións nen tan sequera pedindo o exame en galego temos a posibilidade de conseguilo, e isto constitúe unha clara vulneración dos nosos dereitos. Cando isto sucede é necesario facer unha reclamación para que non se volva producir unha situación semellante. Para isto, os Comités redactaron e poñen á disposición de todos os estudantes un documento tipo para a denuncia ao decanato da facultade deste tipo de situacións. A reclamación faise a nome dos Comités o que supón a total confidencialidade do alumno afectado que non se expón deste modo a facer unha reclamación a cara descuberta que podería ser lesiva de cara aos seus intereses.
Por iso, animamos a tod@s @s estudantes a exercitar os seus dereitos e denunciar as situacións lesivas dos mesmos que se produzan.
Podedes pórvos en contacto cos Comités a partir da súa páxina web ou directamente cos Comités de Dereito da UDC no correio: comitesdereito@gmail.com.