[Països Catalans] Romper co réxime para mudalo todo!

Na senda do pobo catalán

As mozas revolucionarias organizadas en Isca! queremos mandar un saúdo e toda a nosa solidariedade á mocidade revolucionaria catalana, nomeadamente ás compañeiras de Arran, na xornada previa ao Día Nacional dos Països Catalans, que loitan de xeito incansábel pola independencia e o socialismo da súa nación.

Como xa temos analizado, o proceso soberanista catalán é hoxe a maior ameaza para a estabilidade do réxime español e o sistema que sustenta, pois aspira a tronzar por fin o “consenso constitucional” herdeiro do franquismo.

Existe o erro común (moitas veces intencionado), particularmente en certos sectores da esquerda máis desnortada, de atribuír a CiU ou mesmo á burguesía catalá a responsabilidade e protagonismo exclusivo do proceso. Porén, nada máis lonxe da realidade. Se Artur Mas, CiU e mesmo algúns sectores da burguesía se sitúan hoxe do lado do dereito a decidir e mesmo da proposta independentista é por medo a ficar fora de xogo nun novo cenario político onde, froito da mobilización e organización popular (combinada coa constatación da incapacidade do Estado de recoñecer no seu seo ningunha identidade ademais da española), a vontade soberanista é xa hexemónica. As consultas municipais pola independencia, as plataformas e movementos amplos pola soberanía e o rico tecido asociativo de base foi até agora e debe ser o principal protagonista do que pode considerarse xa unha revolución democrática.

É precisamente a activación e a mobilización popular a que pode tamén superar as limitacións derivadas das dinámicas impostas polas forzas hexemónicas nas institucións. A garantía será que o peso do proceso siga na rúa, lonxe dos pactos entre cúpulas para conxurar a tentación de utópicas “terceiras vías”. Para iso está a ser fundamental tamén o papel da esquerda independentista articulada arredor da CUP, de cara a estender a necesidade do exercicio da desobediencia ante o estado e as súas leis impostas, introducir no debate o marco nacional completo (os Países Cataláns) e defender un discurso cada vez máis popular onde a independencia é a ferramenta para transformar de raíz as condicións de vida.

Igualmente, na Galiza cómpre entender a independencia como a ferramenta imprescindíbel que nos permitirá tomar as redes do noso futuro e transformar radicalmente a realidade. Evidentemente, dispormos dun estado propio non supón por si mesmo un cambio de sistema socio-económico mais é unha necesidade imprescindíbel se queremos dispor de condicións reais para facelo.

Mentres na maior parte do estado español a dialéctica política dáse fundamentalmente en base ás chaves discursivas do reformismo español, o único lugar do estado onde está ao alcance da man a conquista dunha nova república e dun proceso constituínte é precisamente Cataluña. Por iso chama a atención que a dita “esquerda” española se declare contraria á independencia e por tanto defenda que os cataláns sigan a ser súbditos da monarquía española cando teñen ao alcance da man rachar co réxime español.

Non só o pobo catalán se xogará o seu futuro colectivo nos próximos meses. Ao conxunto de pobos oprimidos polo estado español vainos a vida na posibilidade de abrir unha porta de emancipación que nos saque deste estado corrupto e decadente do que aínda facemos parte. Por iso, aproveitando a conxuntura é máis importante que nunca a pedagoxía soberanista entre o noso pobo, e particularmente entre a mocidade, para espallar a conciencia de que só por medio do dereito a decidir (a decidilo todo) será posíbel construírmos colectivamente unha vida digna. Aínda sendo conscientes da correlación de forzas actualmente desfavorábel no noso país, e precisamente por iso, é necesario artellar desde xa, desde a base e en todos os ámbitos un proceso independentista, unha vía galega cara á emancipación nacional que nos dote de ferramentas políticas para transformar este sistema e rematar con toda forma de opresión.


Acto en Compostela

Coincidindo con actos que con motivo da Diada do 11 de setembro teñen programados a Assemblea Nacional Catalana e demais entidades soberanistas, a plataforma Galiza con Catalunya realizará unha réplica simbólica en Compostela, na Praza da Quintana para o que animamos a todas as persoas solidarias coa causa dos pobos e a liberdade a participar, ás 19:00 horas

.

Visca la terra, visca els Països Catalans lliures!

Independència, socialisme i feminisme!

Desobediència!

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario