Palestina: o delito de existir

Prometida en 1917 aos xudeus por Inglaterra, e non por Deus, hai 60 anos as potencias coloniais occidentais entregaron Palestina con todos os seus habitantes a unha pequena seita hebrea europea para que xestionase os seus intereses en Oriente Próximo. Desde aquela, EE UU, a UE e os gobernos árabes ancilares veñen concedendo medios e autorización ao sionismo para administrar libremente a dor da poboación nativa e planificar a vontade o seu linchamento polo miúdo: expulsións, masacres, limpeza étnica, destrución de casas; asedio medieval por fame, prisión, tortura, muros, bombardeos… Israel prolonga voluptuosamente un xenocidio homeopático ao que sucumbiu xa a autoridade xurídica e moral da ONU.

Desde o principio Israel, que nunca pensou compartir o territorio palestino cos seus lexítimos propietarios, abalou entre a tentación da “solución final” e a conservación dunha reducida reserva nativa para uso ao mesmo tempo ideolóxico e económico. No ámbito internacional, o asasinato de palestinos lexitima a Israel, que debe conservar algúns con vida para seguir matándoos e embelecéndose; na orde interna, o voto democrático dos israelís recompensa a oferta en cadáveres palestinos dos candidatos; en termos económicos, Israel depende hoxe máis que nunca do negocio da guerra e a seguridade. Ás veces custa reprimirse, pero o pragmatismo impón matar os palestinos aos poucos; e a nós esíxenos admirar e aplaudir a Israel pola súa disciplina e magnanimidade.

Aos nazis ninguén os comparaba cos nazis: abondaba con chamalos asasinos. En todo caso, o que parece que inhabilita a comparación é o feito de que os israelís matan palestinos e non europeos, mentres que o horror inigualábel do nazismo consistiu -como ben explicaba Simone Weil- en que o III Reich fixo connosco o mesmo que nós fixeramos sempre cos pobos colonizados.

O linchamento de Gaza parece perfectamente compatíbel coa afirmación dos nosos valores superiores. Cando se linchaban a negros nos EE UU, e as fotografías dos seus cadáveres se enviaban como felicitacións de aniversario ou de Nadal, o que fixeran -e que xustificaba o seu enforcamento sen xuízo- resplandecía ameazador no que eran. Así ocorre cos palestinos. A agresión palestina a Israel é ontoloxicamente anterior á ocupación sionista, é o primeiro de todo: é sinxelamente a súa existencia. Os seus laios son “fanáticos”, o seu choro “antisemita”, a súa carraxe –abofé- “terrorista”. Só neste sentido se pode dicir que os bombardeos de Gaza son “desproporcionados”, porque son en efecto unha resposta anticipada e unha resposta aínda insuficiente á existencia espida dos palestinos; fronte a esta ameaza total o único “proporcional” sería o asasinato dun millón, de catro millóns, de oito millóns de palestinos. Israel, unha vez máis, contense e nós agradecémosllo.

Desapareceu a URSS e todos aplaudimos. Desapareceu Iugoslavia e aledámonos. Desapareceron ducias de países -Checoslovaquia e Rhodesia e a Sudáfrica racista entre outros- e non ocorreu nada. Por que habería de ser criminal agora reclamar a desaparición dun Estado criminal? Non nos enganemos: a única solución ao problema israelí, que ameaza a paz mundial, é a disolución do Estado de Israel. Deamos logo liberdade aos refuxiados palestinos para volveren a Palestina e liberdade aos xudeus ex israelís para volveren aos seus países de orixe e que a continuación a poboación restante funde un novo Estado laico, democrático e socialista. Dirase que esta solución non é realista. Pero foi realista a partición? Foi realista a resolución 242 da ONU? Foron realistas os claudicantes acordos de Oslo? A Folla de Ruta? Anápolis? A solución dos dous Estados? A democratización exemplar de Palestina? Os palestinos terán que ser aínda máis realistas se queren ser aceptados pola comunidade internacional, terán que deixar de defenderse, terán que deixar de berrar, terán que deixar de chorar, terán que deixar de respirar. Se os límites do realismo os dita Israel, e avala EE UU, a UE e os gobernos árabes ancilares, non hai para os palestinos ningunha esperanza. Pero se realismo é igual a xenocidio, se realismo é igual a inxustiza radical e crime ininterrompido, se realismo significa botar ao lixo definitivamente o dereito internacional, os DD HH e a civilización máis elemental, se realismo quere dicir desaparición sen esperanza do pobo palestino, entón os palestinos teñen todo o non-dereito do mundo -a fin de existir un minuto máis ou sinxelamente para vingarse- de utilizar tamén todos os medios e mesmo de matalo a vostede e de matarme a min, que non fixemos nada para impedir que Israel poña á humanidade enteira fóra de si mesma e que perdemos desa forma ao dereito a protestar, escandalizarnos e moralizar. A palabra Holocausto -sacrificio total- encaixa bastante ben no que Israel, EE UU, a UE e os gobernos árabes ancilares lle están a facer a todo o mundo.

Santiago Alba Rico

Publicado en Diagonal

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario