De Isca! queremos amosar a nosa oposición ao proxecto de campo de golf que está a impulsar o alcalde “socialista” de Ogrobe no Monte Siradella co significativo apoio do Partido Popular e a pesar das reticencias do BNG, socio do goberno local.
1- Queren vender o noso monte.
O Concello de Ogrobe, coa complicidade da Comunidade de Montes de San Vicente, quere vender – ou regalar- un patrimonio común e coletivo, como é o monte, aos intereses dunha empresa privada (LCG Gestión y Desarrollo de Golf) coa excusa de que servirá para estimular o turismo na vila.
Dubidamos que os visitantes queiran achegarse a un lugar no que a súa biodiversidade e a súa paisaxe, os seus principais sinais distintivos, sexan esmagadas para construír estas instalacións. A longo prazo, este modelo de marbellización que abraza o Concello xa demostrou noutros lugares as súas fraquezas 8(a costa andaluza, por poñer un exemplo doutro país, ten 80 campos de golf e a zona non salienta por acadar o pleno emprego) e a súa insostibilidade económica, social, creando tan só emprego precario cuns costes ambientais moi altos.En realidade, os principias beneficiados serán os promotores e poucos máis.
Constatamos máis unha vez que a clase empresarial, que durante todo o ano propón o despedimento gratuito e a precarización salvaxe para aumentar as súas plusvalías, só se lembra dos postos de traballo cando esta demanda serve para xustificar a destrucción do medio natural, con outros exemplos ben senlleiros no noso país como Ence, Reganosa ou as piscifactorías.
2- Queren destruír a natureza.
A construcción do campo de golf danaría gravemente un medio único como a duna rampante que sube cara á Siradella, e afectaría a especies protexidas case endémicas en toda Galiza. Os pesticidas, insecticidas e herbicidas do campo contaminarían a terra e o sistema hídrico e chegarían a afectar as próximas praias da Lanzada. Suporía un ataque irreversible á topografía dunar e estragaría por completo a paisaxe, unha das mellores vistas naturais das Rías Baixas. A primeira imaxe ao chegar ao Grove sería esta infraestrutura monstruosa, que animaría a dar volta de inmediato.
3- Queren incumprir a (súa) lexislación.
A lexislación ambiental na Galiza, (que estivo baixo a competencia de PP e PSOE, principais defensores do campo) é ben raquítica e insuficiente, pero o Concello do Grove propón agora saltar por riba e actuar nun dos espazos máis protexidos do país. A lista de figuras legais que queren transgredir é longa: Zona de Especial Protección dos Valores Naturais pola Consellaría de Medio Ambiente; e Red Natura, Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA),e Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) pola Unión Europea; Humidal de Importancia Internacional polo Convenio Ramsar, entre outras. Nun lugar no que non se pode poñer un só tixolo por lei, queren convencernos de que en cambio si é posible ocupar 500.000 metros cadrados cunha pradeira artificial, incumprindo así a lexislación galega, a estatal e a europea, convenientemente interpretada ao gosto do poder político e económico.
4- Queren despilfarrar os recursos públicos.
O campo de golf ten un custe aproximado de seis millóns de euros, que se pretende que sexan achegados integramente por recursos públicos, cartos de todos para os beneficios económicos duns poucos. Pensamos que esta non é a principal prioridade nin do Grove nin do país e non se xustifica enterrar tanto diñeiro na destrución deste monte.
A argumentación sobre a necesidade desta instalación resulta irrisoria cando xa existen opcións máis que suficientes para os afeccionados deste deporte, mesmo na propia comarca e ata na localidade: xa hai un campo de golf, financiado polos Concellos da comarca, a uns 15 kilómetros, no Monte Castrove, e outro privado en Ogrobe, que ocupa boa parte da illa da Toxa (e se tanto atrae o golf a ese “turismo de elite” do que falan os seus defensores, non debe ser un problema que paguen os seus prezos). A oferta de campos de golf multiplicouse en toda Galiza nos últimos anos sen que representase en ningún lugar a panacea do emprego e o progreso, como agora nos queren facer crer.
É tamén irracional que un dos Concellos máis endebedados da Galiza (debe aproximadamente o mesmo que custaría o campo) dedique os seus esforzos a conseguir esta instalación, asegurando ao mesmo tempo que non vai poñer un peso, e reclame investimentos doutras administracións antes de resolver necesidades básicas polas que os veciños levan anos agardando.
Alguén no seu sano xuízo pensaría en instalar unha piscina climatizada na súa vivenda se carecese aínda de auga corrente, electricidade ou o tellado? Pois en Ogrobe non existe aínda nin depuradora para limpar as augas que se verquen día tras día a unha das rías mais produtivas do mundo; nin un Auditorio para actuacións culturais: nin piscina para practicar a natación; nin un Centro de Día; tamén son necesarios un novo Centro de Saúde e un novo pavillón deportivo. O campo non só non resolve estas necesidades ambientais, sociais, deportivas e culturais, senón que crearía novos problemas: o consumo de auga equivale ao que realiza actualmente toda a vila.
5- Queren enriquecerse coa especulación.
Con todo o anterior coñecido e denunciado, por que o goberno local teima en impulsar este proxecto? Pensamos que, como en tantos outros casos, abonda con seguir o rastro do diñeiro para comprendelo.Aínda que o alcalde insista en desmentilo, nós ímolo dicir claro: existe unha axenda oculta que inclúe a especulación urbanística e a recalificación na zona.
Xa intentaron lanzar o mesmo proxecto hai catro anos acompañado dunha urbanización, que era a única que sostiña o seu finanzamento. Que cambiou agora? Aspiran a lograr o mesmo pero dunha forma máis astuta. Manifestamos unhas reservas máis que lóxicas ante a actuación dun Concello que, como é coñecido, non cobrou unha soa infracción urbanística (nin un euro) durante os últimos dez anos, senón que decidiu permitir que caducaran os expedientes, nin quixo executar sentenzas firmes de demolición. Así, ninguén nos garantiza que non se proceda á recalificación no futuro, unha vez que xa terían extirpado a flora e a fauna do lugar.
Por todas estas razóns, pensamos que o proxecto do campo de golf é só un paso máis na marbellización que proxectan as construtoras e outras empresas sobre a costa galega,unha iniciativa insostible, especulativa, ilegal e lonxe das necesiades reais da vila, da comarca e do país, só útil para o enriquecemento dunha minoría que non dubidaría en arrasar o que é de todas e de todos.