Pasos adiante para un futuro digno na nosa terra

Outro outono máis, co comezo do curso escolar e político, tal e como vimos denunciando desde a esquerda soberanista, a destrución do emprego continúa en caída libre. Volven medrar as cifras de desemprego, empobrecemento e precariedade que afectan ás clases populares do noso país, especialmente á mocidade. As agresións son cada vez máis fortes e cada vez é máis urxente tanto aumentar a axitación social para aumentar a conciencia sobre o que nos están a facer como tecer alternativas para combatelas e construír un futuro diferente. Por iso, desde Isca! animamos a todas as mozas e mozos conscientes a coñeceren e participaren das diferentes alternativas e mobilizacións que está a desenvolver o sindicalismo nacionalista do noso país.

Neste outubro, encetouse desde a CIG unha nova campaña a prol do emprego sob o lema “Salvemos Galiza, sen emprego non hai futuro” que se desenvolverá ao longo dos vindeiros meses con diferentes actos de denuncia e mobilizacións. Neste marco, estanse a desenvolver diferentes marchas a pé nas comarcas co obxectivo de visibilizar a situación de urxencia que vive o noso país e as alternativas que se presentan desde o sindicalismo nacionalista para pórlle freo. Con estes obxectivos, desde Isca! convidámosvos a camiñar a pé de rúa canda a CIG, inzando as rúas das nosas cidades e vilas da forza da mocidade rebelde que vai impedir que continue este saqueo, así como a acudir tamén á mobilización nacional convocada como colofón a estas marchas para o vindeiro 19 de outubro ás 12:00 desde a alameda de Compostela. .

É urxente sumarmos esforzos para berrar ben alto que as medidas impulsadas desde a dereita que nos goberna na Xunta e no Estado son contraproducentes e só contribúen a empeorar a dramática situación das clases populares. É preciso visibilizarmos como a crise sistémica do capitalismo e a nos dan a razón: neste sistema non temos futuro, cómpre derrubalo e construír un sistema diferente, fundamentado na solidariedade e non na procura do beneficio, no que se garantan os dereitos fundamentais, o socialismo. Urxe un cambio de sistema que para nós só é posíbel acompañado da ruptura co xugo do Estado español e a consecución da plena soberanía para que sexa o noso pobo quen decida o seu futuro.

O emprego deféndese loitando!

Futuro digno na nosa terra!

Documento medidas CIG, consultar aquí.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario