Perante a detención de 9 militantes independentistas en varias comarcas do país e o desmedido dispositivo da Guardia Civil debemos mostrar, en primeiro lugar, a nosa solidariedade coas detidas e o noso rexeitamento ás campañas mediático-policiais que teñen como obxecto criminalizar os movementos populares no seu conxunto e, nomeadamente, o movemento independentista. Para mostra o acoso ao que está sometido o tecido asociativo de base soberanista. Neste caso, como en todos, demandamos aos medios empresariais o respeito á presunción de inocencia e ás forzas policiais españolas o escrupuloso respeito aos dereitos civís e humanos.
A aplicación de medidas de excepción baseadas na lexislación chamada “antiterrorista” executadas pola Audiencia Nacional, herdeira directa do Tribunal de Orde Público franquista, a permisividade coas torturas ás detidas e as enormes campañas de criminalización (como se puido comprobar esta mesma semana coa detención de persoas vinculadas ao movemento libertario en Catalunya) son unha constante en diferentes puntos do Estado Español. Unha estratexia moi ben deseñada para calar, para silenciar, para debilitar ás organizacións que loitan polos dereitos dos pobos e, por outra parte, para crear unha alarma social ficticia e xustificar novas e máis brutais medidas contra o conxunto dos movementos de liberación nacional e social.
Esiximos un cenario onde poder exercer con completa normalidade a actividade política poñendo fin á represión e a todas as medidas de excepción coa derrogación da lei “antiterrorista” e que remate dunha vez por todas a dispersión penitenciaria, as torturas e a aplicación discrecional da prisión preventiva.
Contra a represión e a vulneración de dereitos, solidariedade e loita!