O xornalista belga Michel Collon desmonta as tentativas de defensa de Israel, en base aos supostos excesos de Palestina
Entre as moitas mensaxes que me chegan, un pequeno número quere defender a Israel invocando este ou aqueloutro comportamento palestino. Esta é, en poucas verbas, unha resposta breve.
Acho que sempre hai que ir ao ponto de partida: Israel é un Estado colonialista que expulsou aos palestinos da súa terra en 1948. Nega a súa volta, algo que, sen embargo, non sería máis que o respecto dun dereito.
Coas súas colonias, este Estado racista non deixa de practicar a limpeza étnica para continuar a aumentar o seu territorio. Viola todas as resolucións da ONU desde hai sesenta anos, e sábese protexido por Europa e polos Estados Unidos. Estes precisan dun xendarme no Medio Oriente para controlar o petróleo. Israel láiase das eventuais armas nucleares dos seus veciños, pero el mesmo conta con duascentas cabezas nucleares, instaladas de xeito totalmente ilegal.
Israel preséntase como «a única democracia no Medio Oriente» (como se un réxime de apartheid puidera ser democrático!). Porén, os aliados de Israel no Medio Oriente (Arabia Saudita, Kuwait, Exipto…) son abominábeis ditaduras. Ademais, cando os palestinos de Gaza ‘votaron mal’, Israel castigounos con bloqueos e ataques interminábeis.
Os que critican certos movementos palestinos actuais, esquecen dicir que, con anterioridade, Israel fixo todo para destruír os movementos palestinos de esquerdas ou nacionalistas. Negáronse sistematicamente a negociar con Arafat toda pretensión en sentido contrario.
Todo isto pode ser probado polos estudos de historiadores (sobre todo israelís), declaracións de todos os máximos dirixentes sionistas e testemuños de xudeus progresistas de hoxe.
Os colonialistas láianse dos lanzamentos de foguetes e dos atentados. En efecto, non todos os métodos de loita conveñen. Mais xa que os opresores, armados até os dentes, teñn privado aos oprimidos de todo medio de acción legal, sería ben pretencioso dicirlles como teñen que resistir.
Non haberá solución no Medio Oriente sen estabelecer unha verdadeira democracia, para todos. E así outorgar todos os dereitos aos palestinos.
Por suposto, os israelís tamén están sufrindo (de feito, padecen a discriminación racial imposta polos dirixentes israelís). Internet permítenos abrir a todo o mundo, de aquí e alá, un debate sobre as causas reais do problema. Denunciando as medias verdades e as distorsións da historia.
Non hai paz sen xustiza!