Diversos colectivos sociais convocan este sábado unha manifestación en Pontevedra, en coincidencia co inicio da feira taurina, para reclamar a fin das touradas na Galiza. Trátase do cuarto ano consecutivo no que se organizan protestos populares contra este sanguento ritual. A mobilización comezará ás 20:00 horas na Praza da Peregrina.
Ademais, a Coordenadora Antitouradas de Pontevedra emitiu unha nota na que reflexiona sobre a recente abolición na Catalunya e apela á mobilización popular para suprimir estes “festexos” do noso país, onde non contan con tradición ningunha. Reproducimos o comunicado a continuación:
A Coordenadora Antitouradas de Pontevedra manifesta a súa profunda satisfacción polo éxito da Iniciativa Lexislativa Popular “Prou” -respalada por 180.000 sinaturas e aprobada hoxe no Parlament de Catalunya por 68 votos a favor, 55 en contra e 9 abstencións- que desterrará as touradas deste territorio a partir de 2012.
A medida representa un paso de xigante para o movemento antitaurino, xa que demostra a capacidade da sociedade mobilizada para deter a tortura de animais convertida en espectáculo. En realidade, a inmensa maioría da sociedade catalá -ao igual que a galega e a pontevedresa en particular- é desde hai tempo abrumadoramente contraria a este sanguento ritual convertido en negocio para uns poucos, aínda por riba subvencionados con abondosos fondos públicos. Con certeza, a decisión adoptada en Catalunya terá continuidade máis cedo que tarde noutros lugares, particulamente en Galiza: podemos afirmar que esta indignidade ten os días contados.
Neste sentido, a Coordenadora pregúntase de que serve contar cunha Lei de Protección Animal autonómica se exclúe explicitamente as touradas, xa que dificilmente podemos pensar a día de hoxe nun ataque tan cruel e público contra os animais, e aínda contra a vontade maioritaria da cidadanía (por poñer un exemplo, un estudo de Gallup reflicte que o 86% dos galegos “rexeitan ou aborrecen” as touradas).
Así, reiteramos hoxe as nosas principais demandas amparados por este interesante e proveitoso precedente, que se suma á prohibición das touradas nas Canarias en 1991: o cese inmediato de axudas ás touradas, a modificación da Lei 1/1993 de Protección de Animais Domésticos ou Salvaxes en Cautividade, o cese do uso de espazos públicos para a promoción das touradas, así como a supresión nos programas de festas editados polo noso Concello, a declaración de Pontevedra como “Cidade Antitouradas e amiga dos Animais” e a reconversión da praza de touros nun Coliseu para espectáculos culturais e concertos.
Por último, a Coordenadora anima a toda a sociedade a manifestarse o próximo sábado 31 ás 20:00 horas na Peregrina en protesta pola matanza anunciada de 24 touros durante as festas da cidade, e en defensa da abolición desta tortura. A manifestación está convocada por ducias de colectivos de todo tipo.