Polo dereito a rematar as nosas licenciaturas con dignidade, folga estudantil na USC

Temos analizado desde a nosa organización como o Espazo Europeo de Educación Superior, ademais de atentar na súa orixe contra os principios dunha universidade galega, pública e de calidade, era lesivo coa propia aplicación que estaba a ter na Galiza. Extinción de materias, solapamento de horarios, paso forzoso de licenciatura a grao… son só algúns dos problemas que o alumnado galego está a sufrir a día de hoxe. Por iso Isca apoia e anima a secundar a folga que as organizacións estudantís da USC, nomeadamente os Comités, convocan para mañá día 16. Animamos ás estudantes e aos estudantes a participar na manifestación que partirá ás 12 da Praza do Toral en dirección à Reitoría.

Acreditamos que só coa mobilización poderán deterse esta e outras agresións que o estudantado sofre e sufrirá no futuro, co horizonte estratéxico dun outro sistema universitario ao servizo das maiorías sociais, democrático e volcado no país. Isca sume e fai propias as reivindicacións do estudantado nesta xornada de loita:

1. A extinción natural das Licenciaturas mantendo as seis convocatorias lexítimas, posibilitando así tamén o remate do itinerario de especialización.

2. A mellora dos horarios e do reparto das salas de aulas, así como da oferta docente, para así rematar co solapamento de materias. Isto farase antes do prazo de modificación de matrícula do 2º cuadrimestre.

3. Titorías reais das materias a extinguir e actualización na web dos contidos das materias.

4. Un calendario propio de exames das materias extintas, para non facelos coincidir cos exames de outras materias.

5. Supresión das taxas das materias xa extintas aínda matriculábeis.

6. Moratoria especial para a matrícula nas materias sen docencia.

7. Igualar o número de convocatorias do Grao ás da Licenciatura, isto é, que os estudos adaptados ao EEES teñan seis convocatorias por materia, no canto das catro actuais.

8. Mantemento o CAP a curto prazo, garantindo o dereito das e dos Licenciados a rematar o seu plano de estudos tal e como o comezaron, facendo este de libre acceso, sen prazas, e de balde.

9. Integración do Mestrado de educación nos propios estudos de Grao, aumentando a carga de créditos dos mesmos, para que sexa un itinerario escollíbel.

10. Creación de seminarios para as materias con carga práctica.

Adiante o estudantado galego!

 

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario