[Pontevedra] A ferramenta contra a explotación e o desemprego xuvenil

actoSindicalismoPonteAs militantes de Isca! acreditamos na formación como unha das ferramentas precisas para loitarmos contra o sistema de vida que nos impón o capitalismo, mellorando a nosa capacidade de acción política e militante para así transformar a realidade que nos tocou vivir. Pensamos que aprender sempre é a mellor maneira de avanzarmos, construindo alternativas aos poderes que nos queren ignorantes e submisas.

Galiza ten 135.000 persoas menos de entre 16 e 35 anos a día de hoxe que en 2007. Só no período 2013-2014 abandonaron o noso país unhas 24.000 mozas, por causa do desemprego, a miseria e a precariedade. O desemprego xuvenil supera o 50%, tanto é así que na última década a mocidade pasou de representar o 23% da poboación activa a pouco máis do 12%, pasando a ser practicamente residual no conxunto das traballadoras ocupadas. Estannos a roubar o futuro. Non hai emprego e o pouco que hai é precario e en condicións de explotación extrema. O número de contratos lixo (contrato temporal, contrato de formación e aprendizaxe e contrato de prácticas) non para de aumentar e a temporalidade crece até o 15% dos contratos vixentes.

Coñecer en profundidade esta realidade e as ferramentas que ten a mocidade para combatila é o obxectivo do acto que organiza Isca! en Pontevedra o vindeiro mércores día 25 de marzo baixo o título O Sindicalismo: a ferramenta contra a explotación laboral e o desemprego xuvenil. Nel respostaremos a preguntas como cal é a situación laboral e económica na actualidade e como foi o seu percorrido os últimos anos, en que consistiron as reformas que se levaron a cabo nos últimos tempos e como afectan á mocidade ou a importancia da ferramenta sindical para organizármonos no eido laboral. Porque sabemos que contra o individualismo e o apoliticismo que nos tentan inculcar, é tempo de dar a batalla, de organizarse e de loitar. A historia demostra que todos os dereitos cos que ainda contamos e que agora tentan arrebatarnos foron conseguidos con esforzo e a loita de xeracións que defenderon un mundo mellor, sen medo a comprometerse.

Vémonos neste encontro formativo no local do BNG de Pontevedra (rúa Marquesa nº3, 2º I) a partir das 19:30 horas no que contaremos coa presenza de Ramiro Oubiña, sindicalista da CIG e membro da súa Executiva Confederal.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario