[Pontevedra] O que esconde o TTIP. Como nos afecta?

ttip pontevedra redesO TTIP é o acordo soñado polos grupos empresariais máis grandes das dúas beiras do océano atlántico. O obxectivo que quere conseguir é a eliminación das normativas que afectan ás relacións entre empresas transnacionais que operan tanto nos EEUU como na Unión Europea disfrazando tal fin como un fortalecemento comercial. Os primeiros contactos entre a Comisión Europea e o goberno estadounidense, non confirmados até moito tempo despois, datan do ano 2011 e a partir dos cales se emprenderon unha serie de reunións cos representantes das redes empresariais máis potentes.

O TTIP non é só un acordo comercial tradicional centrado na redución duns aranceis sobre as importacións duns socios comerciais que xa son moi baixos e que apenas poderían reducirse máis. O principal obxectivo é eliminar aquelas normativas, aquelas regulamentacións que podan supor unha «traba» para os beneficios das empresas transnacionais. Isto implica, en esencia, a práctica eliminación de multitude de normativas en segredo para evitar no posíbel o debate e a resposta popular.

O acordo é un ataque de grande envergadura contra os dereitos sociais, laborais, ambientais e civís, xa de por si insuficientes na Unión Europea. Busca tamén crear novos mercados abrindo o sector dos servizos públicos ás corporacións transnacionais, o que ameaza con privatizacións masivas na sanidade ou na educación. Mais unha das medidas máis preocupantes do TTIP é que pretende conceder a investidores estranxeiros o dereito a demandar os estados soberanos ante tribunais de arbitraxe privados, creados a tal efecto sen ningún tipo de garantías nin control, para reclamar perdas resultantes de decisións sobre política pública. Eleva o capital transnacional a un status equiparábel ao dun estado, con todo o que iso supón.

De toda esta problemática falarase o vindeiro mércores día 13 de Xullo a partir das 20:00 horas no Centro Social Gorgullón (Rúa Padre Sarmiento Gamboa, nº7) en Pontevedra nunha palestra que leva por título o que esconde o TTIP e como afectará ás persoas e aos pobos. Intervirá o xornalista e profesor José Emilio Vicente.

Non faltes!

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario