Proposta Militante apresenta publicamente a súa candidatura á DN de Galiza Nova

 

A Proposta Militante apresentou hoxe publicamente a súa candidatura á Dirección Nacional de Galiza Nova, que será escollida este domingo na XI Asemblea Nacional desta organización xuvenil.

A plataforma, composta por integrantes de Isca! e militantes independentes, escolleu á Noa Presas Bergantiños, militante da comarca de Ourense, integrante da Dirección Nacional saínte e membro do Consello Nacional do BNG, como a súa cabeza de lista. Presas, que compareceu arroupada por outros nove integrantes da candidatura, explicou os posicionamentos ideolóxicos de Proposta Militante, que avoga por democratizar e reforzar a organización, desde parámetros nidiamente soberanista e anticapitalistas: “queremos unha Galiza Nova soberanista que pule por un Estado própio para as galegas e os galegos;de esquerdas, que mobilice á mocidade pola liberdade, a democracia e o progreso social; activa, implicada no asociacionismo galego e respeituosa cos distintos movimentos sociais; que integre as diversas liñas de actuación do feminismo combativo; e autónoma a respeito do BNG, para non funcionar como unha mera correa de transmisión”.

A segunda integrante da lista é Laura Arjonilla, responsábel local de Compostela, que tamén interveu na comparecencia pública para explicar os criterios de confección da candidatura: “un rico abano de militantes procedentes de distintas comarcas ao longo do país, caracterizados polo seu compromiso activo en movimentos asociativos de todo tipo, sindicais, estudantís, ou culturais, e pola súa implicación na vertebración dun movemento xuvenil nacionalista que faga fronte ás políticas da dereita”. Estudantes, traballadores da hostelaría, labregos, mestres, xornalistas, técnicos, investigadores, mozas e mozos militantes de distintas idades -de 24 anos de media- decidiron participar nesta candidatura para abrir un debate transformador en Galiza Nova. Arjonilla tamén engadiu que “por riba de todo isto son militantes comprometidos co país e coa clase traballadora, e capacitados para abrir unha nova etapa en Galiza Nova, á altura dos moitos desafíos impostos pola dependencia nacional e o capitalismo”.

Por último, Presas tamén explicou que a Proposta Militante representa “unha emenda á totalidade” ao funcionamento das correntes políticas convencionais, ao basearse “nos debates e nas iniciativas colectivas e solidarias, e non nos verticalismos e persoalismos”, porque “se queremos un mundo distinto, tamén nós debemos actuar doutra forma”. Neste sentido, sinalou que a plataforma realizou un esforzo organizativo ao longo do proceso preasemblear para que todos os seus integrantes puidesen participar en pé de igualdade en todo momento, a través de reunións abertas e democráticas e do fluxo constante de información: “non se nos pasaría pola cabeza facelo doutro xeito”.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario