PSOE iguala agredidos e agresores

O PSOE, fiel á sua tradición de igualar opresores e oprimidos, anunciou hoxe a presentación de mocións en todos os concellos do Estado para condenar a acción militar de Israel en Gaza, por considerala “desproporcionada” e “contraria ás máis elementais normas do Dereito Internacional”… e tamén para condenar os “execrábeis ataques de Hamas”.

Lonxe de facer coincidir as palabras cos factos, o PSOE descarta deixar de vender armas a Israel, expulsar o seu embaixador -como Venezuela ou Bolivia- ou boicotar a economía sionista, coa cal o Estado Español ten relacións preferentes.

O partido de Zapatero tamén quer expresar “indignación” pola “dramática situación humanitaria” na Franxa e “pedir” ao Goberno español esforzos diplomáticos para lograr “un cesamento do fogo perdurable”.

A iniciativa foi presentada hoxe en África, na colonia española de Melilla, polo secretario de Cidades e Política Municipal do PSOE, Antonio Hernando, quen esperou que o PP e o resto de forzas políticas apoien a iniciativa en todos os municipios de “España”.

A moción consta de cinco puntos, nos que se propón condenar a posición das dúas partes en conflito por igual e expresar a “profunda indignación” pola situación humanitaria, polo que se esixe ao Goberno de Israel “que cumpra coas súas obrigacións segundo a lexislación internacional”, poña fin ao bloqueo da Franxa e permita a entrada das asistencias e subministracións e da prensa.

Na explicación dos motivos polos que se presenta a moción, o PSOE considera que Istael ten un “dereito lexítimo a defender a súa seguridade”, pero afirma que iso non lle dá “carta branca” e esíxeselle “o inmediato cesamento das accións bélicas”.

Está por ver que plasmación práctica ten a proposta nos Concellos do noso país. O BNG, que cogoberna varios municipios co PSOE, xa anunciou que presentará as súas propias mocións con claves moi diferentes.

En primeiro lugar, o BNG propón “rexeitar os bombardeos e a invasión levados a cabo polo exército de Israel, que evidencian o colofón da blocaxe perpetrada polo Estado israelí contra o pobo de Gaza, en Palestina, constituíndo un crime de guerra”.

En segundo lugar, “transmitir a solidariedade e apoio á representación do pobo de Palestina en Galiza”. Terceiro, “remitir cadanseu escrito de condena ao Presidente e Vicepresidente da Xunta de Galiza, Presidente do Goberno español, Ministerio de Asuntos Exteriores e Embaixada de Israel, coa petición de que o Estado español suspenda as relacións diplomáticas e económicas co Estado de Israel até que non se poña fin á agresión militar, invasión e blocaxe que está a perpetrar na faixa de Gaza, en Palestina”.

Por último, o BNG solicita “que o Estado español inste oficialmente ao cumprimento das reiteradas resolucións da ONU relativas á retirada do Estado de Israel dos territorios ocupados; ao tempo que se demanda, no marco das Nacións Unidas, o envío inmediato dunha misión de observación e interposición co fin de garantir a fin da blocaxe e da agresión militar”.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario