Puritanismo feminista?

A asociación Alecrín reaccionou con insólita contundencia á presenza dunha sexóloga, Valerie Tasso, nas xornadas “Sexuando” organizadas pola Xunta de Galicia en Vigo. Segundo Alecrín, o pasado desta muller como prostituta de luxo representaba unha “apoloxía subliminal da prostitución”, e mesmo denunciou o evento, non porque nel ninguén ofrecese sexo por diñeiro, senón só por abordar a cuestión. Tamén levaron o berro de escándalo ata o Valedor do Pobo e o Instituto da Muller, entre outras institucións.

En realidade, nin o colectivo asistiu á conferencia –onde nin sequera se abordou a prostitución-, nin tiña interese no que alí se puidera dicir: limítaronse a estigmatizar a unha persoa polo seu pasado –ignorando a súa formación e considerándoa inadecuada para intervir en público, unicamente pola súa biografía-, a criminalizar o conxunto das xornadas e o seu programa, e a atacar con frases contundentes, carne de titular, á Vicepresidencia da Xunta.

A acción di pouco sobre o concepto de diálogo que poida ter Alecrín, que se atreve a presentar unha denuncia en función de sospeitas sen probas sobre unha suposta influencia subliminal, e en cambio revela moito sobre unha actitude paternalista e sectaria que nega mesmo o diálogo con outras visións sobre a prostitución, e que aposta en exclusiva pola vía xudicial e policial, non só para lacras como a violencia, senón contra unha conferencia que se realizaba nunhas xornadas de debate sobre a sexualidade, no marco da rede de centros Quérote que, con todas as chatas que se lle poidan apoñer, é a primeira actuación pública no noso país que atende a sexualidade despois de décadas dunha política entre inexistente e moralista. Non é de estrañar, neste sentido, as queixas ben comedidas dos diferentes colectivos e asociacións de profesionais que traballan no ámbito.

De Isca! afirmamos xa na nosa asemblea fundacional que é preciso “deixar atrás os tabús e as discriminación e escoitar outras voces dos feminismos que tamén existen e que falan dos dereitos das traballadoras sexuais, que explican a necesidade de escoitar as auténticas protagonistas, as prostitutas, e de loitar contra o estigma e as discriminacións”. Pensamos que é máis importante recuperar espazos de autonomía e liberdade das mulleres para camiñar cara a equidade, sen criminalizacións nin paternalismos. E tamén cremos que os debates entre as distintas posicións lexítimas do feminismo non poden resolverse como “delitos de opinión”, senón como diferencias abertas á cooperación.

 

Pola súa clareza, reproducimos un artigo do pensador Carlo Frabetti, un dos máis contundentes críticos da criminalización da prostitución.

 

Puritanismo de esquerdas

Carlo Frabetti

O título é unha contradición in términis, obviamente, posto que o puritanismo sempre é de dereitas, e incluso adoita ser o trazo máis ostensíbel (por non dicir ostentoso) dos conservadores. O puritanismo leva o discurso moral ao ámbito da sexualidade, é dicer, do privado (máis aínda, do íntimo), e polo tanto só é compatible co dogmatismo máis prepotente e invasor. Sen embargo, algunhas persoas (e organizacións) que se din de esquerdas asumen de forma inconsciente a moral sexual cristiá-burguesa, o que as leva a incorrer en contradicións flagrantes. Por exemplo, ata fai ben pouco a atitude de moitos supostos comunistas para a homosexualidade era vergonzosa (cando non criminal), e aínda que a situación cambiou bastante nos últimos anos, a homofobia segue a estar presente en todo o espectro político da maioría dos países.

Pero o asunto con respecto ao cal se manifesta de forma máis clara a pervivencia do puritanismo no seo da esquerda é, nestes momentos, a prostitución. O abolicionismo é incluso a postura oficial dalgunhas organizacións que se erixen en defensoras dos dereitos dos explotados, o cal dá idea do grao de ofuscación ao que se pode chegar no relativo aos instintos básicos. Pois a actitude de quen queren “redimir” ás traballadoras sexuais sen contar sequera coa súa opinión, non é moi distinta da daqueles misioneiros que, coa cruz nunha man e a espada na outra, cristianizaban ás infieis á forza. A arrogancia e a prepotencia subxacentes son as mesmas: “Eu sei mellor que ti o que te convén, e aínda que te asoballe e atente contra a túa liberdade, fágoo polo teu propio ben”.

Afortunadamente, con respecto á sexualidade, e tras máis de tres mil anos de implacable represión xudeocristiá, a pugna dialéctica (metadialéctica) da dialéctica co dogma empeza por fin a animarse, sobre todo grazas ao feminismo radical e aos movementos de liberación dos e as homosexuais. Non é casual que sexan os colectivos de lesbianas e feministas radicais os que apoian ás traballadoras do sexo nas súas reivindicacións, posto que o inimigo común é o patriarcado, que leva milenios reprimindo brutalmente a sexualidade feminina e negándolle á muller o dereito a decidir sobre o seu propio corpo. E tampouco é casual que a maioría dos abolicionistas (ou polo menos os máis estrepitosos) sexan homes.

É lamentábel que unha muller (ou un home) alugue o seu corpo: tan lamentábel como calquera compravenda de prestacións que deberían ser espontáneas e gratuítas; pero se as prestacións sexuais de pagamento son máis ou menos lamentables que outras teran que decidilo as persoas directamente implicadas, non a Igrexa, nin a esquerda timorata, nin as feministas de salón. Mentres vivamos nun mundo-mercado no que non temos máis remedio que alugar diariamente unha parte de nós mesmos, que menos que poder decidir que parte alugamos sen que veñan a darnos leccións de moral os puritanos dun e outro bando. Algúns dos que piden a abolición da prostitución deberían predicar co exemplo dándose de baixa de súas prostituidas organizacións políticas.

O horror á prostitución ten tamén moito que ver co mito do amor romántico, que é o mito nuclear da nosa cultura; un mito que se resiste máis que ningún outro ao asalto dialéctico da razón, e que fai que algúns despracen o “receptáculo da identidade” do corpo ao baixo ventre (“O cerebro é o meu segundo órgano favorito”, di Woody Allen, máximo expoñente do romanticismo irónico). Se o amor é algo sagrado, a “profanación” mercantilista do ritual amoroso é un sacrilexio, e a prostituta convértese nunha especie de diablesa, á vez terríbel e fascinante (é dicer, dobremente terríbel).

O poder sempre intentou controlar a sexualidade e a procreación, e como o poder (polo menos no período histórico) sempre foi patriarcal, puxo un especial empeño no sometemento ou na negación da sexualidade feminina. Esta é a explicación final do puritanismo e da súa paradoxal pervivencia en certos sectores da esquerda, que aínda non comprenderon que o paternalismo con respecto ás “pobres mulleres indefensas” é unha artimaña máis do patriarcado opresor; que aínda non comprenderon que, por definición, non se pode levar o discurso moral ao terreo da intimidade (posto que a intimidade, sempre qu haxa acordo entre quen a comparten, é o lugar onde os individuos deixan de ter que render contas á sociedade); que aínda non comprenderon que sen liberdade sexual non hai liberdade a secas, e que esa liberdade inclúe, gostemos ou non, o que algúns chaman libertinaxe, perversión ou pecado.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario