Queremos futuro para a nosa lingua, paremos o exterminio!

Os gobernos españolistas do PP pretenden aproveitar a distracción que produce a dramática situación de crise económica e social, que eles mesmos provocaron, para fortalecer as súas medidas lingüicidas e uniformizadoras. Mais as defensoras da lingua non o imos permitir, denunciamos publicamente as súas agresións para rebater o silencio dos medios e combatémolos tamén a pé de rúa. Por iso, apoiamos a convocatoria de manifestación da Plataforma Queremos Galego que sairá o vindeiro 27 de xaneiro ás 12:00 da Alameda de Compostela, esixindo a derrogación do decretazo de Plurilingüismo, após varias sentenzas favorábeis do TSXG, e o freo da Lei Wert, pola involución que representa canto á presenza no ensino das linguas diferentes ao castelán.

As independentistas somos conscientes de que na Galiza existe un conflito lingüístico e fuximos das visións manipuladoras que pretenden difundir a idea de que a situación lingüística na nosa terra non trae enfrontamentos e que iso é algo propio doutros territorios. Nós temos lingua de noso e temos dereitos que o Estado español boicotea, por iso, como noutras nacións sen estado da península, mobilizámonos na súa defensa e denunciamos as agresións. Na Galiza existe un proceso de subsitución lingüística onde a lingua propia e histórica se atopa en inferioridade legal e social e está sendo desprazada por outra invasora. Trátase nunha batalla onde o españolismo político xoga dun bando e nós, as independentistas e as defensoras da lingua, noutro. Mais mentres nós denunciamos abertamente o que acontece, o españolismo actúa baixo múltiples carautas, como a demagoxia da liberdade. Así, mentres non tivo reparo en aprobar lexislacións a prol da lingua galega, como a Lei de Normalización Lingüística (1983) non ten tampouco reparon en incumplilas e, nos últimos tempos, navegar contra elas tamén con outras disposicións legais.

O decretazo e a LOMCE, as leis contra a lingua do pobo

Fai tres anos, saía á luz a intención do PP de derrogar o Decreto 124/2007, onde se estabelecía o 50% do ensino en galego, polo que sería o Decreto 79/2010, máis coñecido como Decreto do Plurilingüismo, no que se reduce a presenza da lingua minorizada, o galego, en favor do castelán e do inglés, usado como elemento publicitario do novo disparate do primeiro desgoberno de Feijoo. O decreto lapidado por Feijoo non era máis que a aplicación literal do recollido no Plan de Normalización Lingüística (2004) aprobado por todas as forzas políticas do Parlamento. Ademais, para as independentistas, aquel decreto,  froito da máxima cesión posíbel por parte do nacionalismo, era xa un decreto de mínimos que debera camiñar para formulacións de inmersión lingüística, co cal a súa rebaixa foi un retroceso salvaxe.

Desde o primeiro momento, a comunidade educativa, numerosas asociacións de pais e nais, organizacións estudantís e diferentes axentes de defensa da lingua denunciamos un decreto que agorchaba o meirande ataque institucional contra a nosa lingua nos últimos corenta anos. Así, o PP quitaba a carauta e pasaba de lavar a cara con lexislacións que nunca aplicaron a atacar directamente os pasos adiante que, aínda que insuficientes, foran conseguidos para a lingua. Deste xeito, o goberno da Xunta deu altofalante e autoridade aos grupos abertamente fascistas e galegófobos marxinais como a coñecida Galicia Bilingüe, elo dunha estratexia colonizadora compartida polos poderes públicos e por lobbies mediáticos.

Diante disto, o pobo galego respondeu cunha axitada axenda de mobilización social a iniciativa de diversas organizacións de defensa da lingua, Queremos galego presentou unha ILP que PPSOE se negaron a debater, organismos coma o Consello Escolar de Galiza ou o Consello Consultivo da Xunta amosaron o seu rexeitamento e incluso institucións obsoletas e até entón en silencio coma o ILG ou a RAG se posicionaron contra este decreto

Hoxe, ao mantemento do decreto antigalego súmanse novas estratexias estatais de españolización linguística e cultural coma a LOMCE, proxecto de lei educativa que ademais atenta contra o ensino público e busca desmantelalo e privatizalo para beneficio do poder e ante o que o estudantado nacionalista xa está loitando.

Malia a escalada represiva, ningunha agresión sen resposta!

As mozas organizadas somos conscientes de que nestes momentos de medre da contestación social o sistema reforza as súas estratexias represivas e persigue a quen loita contra as súas imposicións. Porén, a vaga de criminalización non pode ser un impedimento para loitar polo que é noso. A lingua é unha prioridade para as independentistas galegas e non nos imos acovardar diante dun Estado coercitivo que pretende condenar a 46 anos de cárcere a doce moz@s galeg@s que se mobilizaron contra Galicia Bilingüe cando en 2008 viñeron á nosa terra a amplificar as súas falacias e a quen desde Isca! tamén contestamos no seu día

Diante do decretazo e da Lei Wert, así como diante doutras agresións como o recurte orzamentario, a eliminación do galego nas oposicións ou a supresión de Servizos de Normalización Lingüística, só cabe a mobilización. O ensino é un sector estratéxico para a normalización da lingua, mais para conseguila cómpre aumentar a presenza do galego non só no ensino e loitar por facer reais os dereitos lingüísticos que se recoñecen no cativo marco legal balizado pola Constitución española e o Estatuto de Autonomía. Este marco é ilexítimo e insuficiente para as independentistas, conscientes de que só nunha nación soberana poderemos conseguir a resolución do conflito lingüístico ao noso favor e así conseguirmos a hexemonía social da lingua en todas as súas funcións e ámbitos. Na Galiza, só en galego!

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario