Queremos un futuro digno para a nosa ría. Non á prórroga a ENCE!

enceforaMais un ano volvemos saír á rúa o vindeiro sábado día 4 de xuño ás 19:30 horas desde as Alamedas de Marín e Pontevedra para loitar polo evidente; un futuro digno na nosa ría. A factoría ENCE é unha das industrias máis contaminantes do país, imposta polo franquismo, e que leva décadas a intoxicar a ría de Pontevedra con práctica impunidade, agás unha insuficiente mais significativa condena por delito ambiental continuado.

O pasado 25 de xaneiro o goberno en funcións do PP decidiu prorrogar a concesión á papeleira ENCE. Posteriormente, o conxunto das forzas políticas do Congreso (agás PP e Ciudadanos) acordou instar ao goberno español a anular unha prórroga que se decidiu lonxe do noso país, nos órganos de poder de quen quer hipotecar o futuro da ría de Pontevedra a costa de enriquecer unha empresa privada que conta con destacados militantes do Partido Popular no seu Consello de Administración. Na actualidade, a unhas semanas dunha nova convocatoria de eleccións, é necesario reforzar a mobilización popular como ferramenta para rachar as aspiracións dunha minoría que só lle preocupa aumentar a súa marxe de beneficio.

Ningunha razón xustifica alongar os privilexios duns poucos e a merma da calidade de vida e a natureza. ENCE destrúe máis postos de traballo dos que crea, menos de 300, de feito só o 0,7% das persoas que traballan na cidade de Pontevedra o fan directamente nesta empresa. Esta factoría consume 12 millóns de metros cúbicos de agua ao ano, catro máis que o total de todos os concellos da ría de Pontevedra, e paga menos do 10% do que lle corresponde. Tamén están as consecuencias de curto e longo alcance (eucaliptización e destrución do noso monte, efectos nocivos, irritabilidade dos ollos, insuficiencias respiratorias ou o desbaratamento da agua) desta industria de enclave tan característica do colonialismo e a dependencia nacional.

A mocidade organizada en Isca! aposta polo fin do ciclo da factoría ENCE xa que mudar o seu emprazamento non é unha alternativa, pola contra continuará estragando e depredando o noso monte mentres os seus donos continuarán a enriquecerse a costa do beneficio común. Tamén defendemos a recolocación das traballadoras agredidas polas políticas do Partido Popular e aplicadas sistematicamente por unha empresa que se di hipocritamente defensora da nosa clase.

Futuro digno na nosa ría!

Non á prórroga!

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario