A vaga de recortes e presións do goberno do Estado español sobre os dereitos sociais e laborais está lonxe de rematar. Así, o goberno do PP vén de aprobar nas últimas semanas novas reformas para continuar a aplicar a súa receita contra a crise: máis empobrecemento das clases populares.
Cando parecía que as pensións non podían tocarse máis, o cónclave de corruptos que nos goberna vén de decidir aumentar a idade para xubilarse anticipadamente e empeora as condicións para facelo aínda que sexa xustificadamente. Deste xeito, serán as profesións de meirande desgaste físico, as ocupadas pola maioría social traballadora, as que proporcionalmente van ser máis perxudicadas. Ademais, tamén serán perxudicadas milleiros de persoas de idade avanzada que, coa destrución progresiva do emprego, se verán condeadas máis cedo que tarde ao drama do paro sen poder prexubilárense en condicións minimamente xustas.
Levamos tempo, tamén, denunciando os ataques á sanidade pública e ao eido da saúde laboral e como se fora pouco o que levan botado por terra, de agora en diante o goberno pretende capacitar ás mutuas para dar altas, deixando en situación de indefensión ás traballadoras que poidan estar aínda sen curar, xa que deberán incorporarse ao seu posto de traballo en base ao criterio de entidades privadas que o poder busca mercar.
Como non podía ser doutro xeito, esta nova vaga de agresións non podía esquecernos a nós, a mocidade. Lonxe de sermos un problema ou unha preocupación, é evidente que para o goberno español somos un obxectivo a destruír, pois non se entende, senón, o que pretenden co novo decreto de contratación para a mocidade, no que promoven medidas tan espléndidas como salarios por baixo dos 500€ ou o furto do dereito a prestacións de desemprego para quen cometemos o delito de ter menos de 30 anos. Deste xeito buscan que as grandes empresas substitúan aos nosos pais e nais sen dereito a prexubilarse por nós, precarias desesperadas. E todo isto inflando o lobby das ETT, que van cobrar dos nosos impostos para tramitar a nosa ruína.
Todo isto, desafortunadamente, non debera sorprendernos. Isto é o capitalismo, isto é España. Pero que non nos sorprenda non quere dicir que lles vaiamos permitir acabar con nós. A mocidade rebelde temos claro que nesas coordenadas non temos saída. Por iso traballamos todos os días por tecer alternativas e por iso apoiamos as iniciativas de mobilización social que leva a cabo o sindicalismo nacionalista de clase e chamamos a que vos mobilicedes o día 11 de abril coa CiG:
Concentracións
A Coruña, ás 20:00 horas na Subdelegación do Goberno
Compostela ás 20:00 h. na Praza do Toral
Ferrol, ás 19:00 horas na Praza do Concello
Ourense, diante da Subdelegación do Goberno español ás 20.00 horas
Pontevedra, na Praza da Peregrina ás 20.00 horas
Vigo, na farola da Urzaiz ás 20.00 horas
Vilagarcía, ás 20:00 horas, na Praza de Galiza