A situación da mocidade no noso país prosegue no camiño dun deterioramento galopante, froito das políticas antisociais do goberno estatal e o capital. Inmersas aínda nunha profunda crise capitalista, somos cada vez máis as mozas e mozos conscientes de que este sistema está a destruír o noso futuro. Por unha banda, o paro xuvenil atinxe o 50% e o pouco emprego que hai é precario e en condicións de explotación. Obrígannos a coller as maletas e construír un futuro incerto lonxe da nosa terra. Por outra, o ensino é cada vez máis elitista, patriarcal e españolizador, centrado nos intereses dos mercados e en converternos en man de obra barata para os empresarios. Somos conscientes tamén de que se vivimos no rural a estes problemas teremos que sumarlle a falta dun transporte público que vertebre a nosa terra e permita conectarnos co resto de vilas e cidades, mais tamén a ínfima oferta educativa e laboral, condenándonos a buscar oportunidades na cidade.
Todos os informes demostran que a nosa xeración terá menos dereitos, menos oportunidades e un nivel de vida máis empobrecido a respecto do que viviron os nosos pais. A precariedade e a falta de perspectivas é común na maioría da mocidade traballadora que temos a emigración como única saída. Perante esta situación, o sistema quere que nos resignemos e que fiquemos domesticadas e pasivas, que pensemos que nada se pode facer para cambiar o estado das cousas, e que esta realidade é a única posíbel. En definitiva, convencernos de que o noso destino é ser a nova xeración que encherá os petos dos poderosos a costa do noso sacrificio.
Así, a mocidade galega ten moitas razóns para plantar cara aos efectos dun capitalismo que destrúe as nosas vidas. Porque non loitamos só por mellorar as condicións de vida; a reforma do sistema capitalista non rematará coas inxustizas polo que é imprescindíbel dotar estas loitas de contido ideolóxico, tendo o socialismo e o comunismo como horizonte estratéxico, nunha patria independente e soberana.
Conscientes da gran tarefa que temos por diante, miramos cara o 2017 con esperanza dun ano cargado de loitas por un futuro digno, na construción dunha vida realmente nova. Porque somos o traballo que todo o modifica e transforma, onde as nosas mans poñen en marcha e moven o mundo. Somos nós, a clase obreira, as expulsadas e as precarizadas. As que somos obrigadas a pagar unha débeda ilexítima que nos afoga. As que vendemos a nosa forza de traballo por salarios cada día máis miserentos. As que carecemos de poder para xerir os nosos recursos e decidir o noso propio futuro.
Por iso, fronte o individualismo e o conformismo que fomenta o sistema, chamamos a dar a batalla por unha vida na que sexamos as que controlemos os nosos destinos. É posíbel construír outra sociedade, porque a historia demostrou que as grandes transformacións sociais viñeron da loita e da organización, sen medo ao compromiso. Así, facemos nosa a exhortación feita por Gramsci á mocidade do mundo: “Instruámonos porque necesitaremos toda a nosa intelixencia, axitémonos porque precisaremos todo o noso entusiasmo, organicémonos porque precisaremos de toda a nosa forza”. Por iso, tomamos o 2017 como o noso ano, o ano no que as mudanzas de sistema e as transformacións serán reais, onde racharemos coas desigualdades, onde seguiremos construíndo sobre as suas ruínas o noso futuro, seguiremos sumando á revolta das desposuídas no camiño dunha terra ceibe e con futuro.