Máis información:

Desde a nosa organización levamos tempo dicindo que é momento, agora mais que nunca, de organizarse e de loitar. Así o fixemos en setembro de 2010 e en xaneiro de 2011, chamando a secundar as folgas xerais convocadas no noso país. Esas son as única ferramentas que ten a nosa clase para deter os sucesivos ataques aos que nos vemos sometidos nos últimos anos coa excusa da crise económica. O último deles é unha nova reforma laboral aprobada por decreto polo goberno do PP e que afonda aínda máis na liña iniciada polo PSOE, liquidando dun golpe moitos dos dereitos laborais conquistados durante décadas de loita obreira. A partir de agora, o escenario no mundo do traballo será totalmente diferente, muito máis desfavorábel ainda para as traballadoras e traballadores: o despido será moito máis barato, o que fará que o “emprego fixo” sexa pouco máis que unha lembranza do pasado; atácase a negociación colectiva, polo que a capacidade de conseguir melloras laborais ou defender os dereitos colectivamente será moito menor, forzando aos traballadores/as a negociacións de empresa ou individuais que degradarán as súas condicións de traballo; as empresas, a partir de agora, poderán modificar unilateralmente a xornada, horario, categoría… ao seu antollo.

Especialmente agresiva é esta reforma con nós, coas mozas e cos mozos. A maioría das empresas poderán contratarnos (recibindo cuantiosas subvencións) con período “de proba” dun ano, o que quere dicir que nese tempo poderán despedirnos sen indemnización de nengún tipo e contratar a outra no noso lugar. Ademais, extenden até os 30 anos os contratos para formación e o aprendizaxe, con salarios míseros, podendo durar até 3 anos. Máis precariedade aínda nun panorama xuvenil en que calquer tipo de estabilidade laboral ou vital é case imposíbel.

Por todo o dito, a mocidade por forza ten que xogar un papel protagonista na resistencia contra os ataques, porque é o noso futuro o que está en xogo. Por iso, de novo participamos activamente na folga xeral convocada pola CIG o 29 de marzo.

O dereito a unha vida digna no día de mañá, temos que consquistalo hoxe nas rúas. Como di o lema da nosa campaña para esta nova folga xeral, o futuro gáñase loitando. Os dereitos que conqueriron os nosos pais e avós con mobilización, combate e sacrificio, moitas veces até as últimas consecuencias, poñendo a propia vida en xogo, están agora en cuestión porque os grandes poderes ecnómicos e os gobernos ao seu servizo queren eliminalos dun golpe para poder aumentar a sua riqueza. Porén, se nos organizamos, podemos evitalo, podemos facer valer a forza da maioría social, primeiro freando os seus ataques e despois pasando á ofensiva contra este sistema capitalista baseado no lucro, na inxustiza e na dominación.

Descarga en pdf