Máis información:

Combater o sistema para crear alternativas. O sistema capitalista é o principal responsábel da crise social que estamos a vivir consecuencia das crises alimentar, económica, ambiental e enerxética que asolan o planeta, todas elas sustentadas nun modelo patriarcal que somete á metade da poboación mundial subordinando a vida das mulleres a un modelo de desenvolvemento que nos invisibiliza e desvaloriza a nosa participación na vida diaria.

As mulleres temos maiores índices de paro, os nosos empregos son de peor calidade, os nosos salarios máis baixos, a temporalidade dos nosos empregos maior, os sectores nos que traballamos os menos valorados, a nosa presencia nos órganos de direción é moito menor que a dos homes, temos máis difucultade para acceder ao emprego e para crecer na nosa vida laboral, somos ademáis as que levamos a maior parte da carga de traballo no fogar e estamos sometidas a un sistema de conciliación familiar que no lugar de quitarnos cargas de traballo o que fai é buscarnos tempo para seguir a acumulalas.

É nesta situación de crise social na que se evidencia o sistema patriarcal como lastre permanente da vida das mulleres, como mecanismo de exclusión e de marxinación de todo o que as mulleres queremos e podemos aportar á sociedade.

Afrontamos a crise económica nunha situación de precariedade laboral, salarial e social que nos sitúa nunha posición de vulnerabilidade e nos sinala como obxetivo principal no recorte de dereitos do que o sistema se nutre para afortalar a súa pervivencia nestes tempos de crise.

Construír alternativas para defender os nosos dereitos. Este sistema non funciona, non garante a xustiza social. As mulleres queremos construír dende o feminismo unha alternativa a este sistema que nos sitúe como protagonistas da nosa propia historia. Exiximos políticas que garantan os dereitos adquiridos e que sexan decididas na ampliación dos mesmos, que a crise non a paguemos co retroceso das políticas educativas, de igualdade, de servizos sociais ou coa creación de emprego digno na nosa terra.

Apostamos por un modelo enerxético baseado na sustentabilidade que fuxa do crecemento irracional e respecte o meio, por un modelo baseado na soberanía alimentar, xusto. Exiximos políticas públicas que garantan un emprego digno, a igualdade de salarios a igual traballo, que non permitan a exclusión e eliminen as dificuldades para acceder aos postos de traballo. Exiximos que o noso traballo sexa valorizado, que se garantan as políticas educativas en materia afectivo-sexual, o acceso á saúde e se traballe na coeducación. Que os investimentos públicos sexan para as persoas e non para os sectores financeiros.

Queremos que se constrúa unha sociedade máis xusta. Queremos construíla. Construír o socialismo.

Sen as mulleres non hai alternativas.

Sen as mulleres non hai revolución.

Descargar en pdf