A Revolución Cubana vén de cumprir o seu primeiro medio século de existencia, máis forte e libre do que nunca. O proxecto revolucionario deste país caribeño, do que tantas veces se profetizou a súa caída, non só non ficou anticuado –como un espectro do comunismo só válido para arqueólogos da esquerda, tal é como é caricaturizado nos meios de comunicación- senón que nos últimos anos serviu de sustento e inspiración, teórica e práctica, de numerosos movimentos rebeldes de todo o mundo, en particular de América Latina.
De Isca!, como organización da esquerda anticapitalista, solidarizámonos con Cuba -por fatigoso que resulte defender as obviedades- contra a manipulación hexemónica na nosa sociedade; apoiámola como quebra-mar do capitalismo, como antídoto ante a enxurrada neoliberal en que todo se mercantiliza, desde o que comemos e bebemos até o espazo no que vivimos, a cultura ou a comunicación, e pola que todo está xustificado, desde o bombardeo de pobos, a ocupación de países, a condena á fame e á enfermidade da maior parte da humanidade e até a ameaza de destruir o conxunto do planeta.
Por sorprendente que resulte, temos que explicar hoxe que nos posicionamos a favor de quen sinten como propias todas as inxustizas e non de quen se enriquece con elas, de quen exportan médicos e non bombas, de quen aprende a ler e non de quen promove a desaparición de centos de linguas e culturas, de quen preconiza a igualdade das nacións e non de quen as explota, invade e coloniza, de quen devolve a vista e cura as enfermidades e non de quen converte a saúde en negocio, de quen defende a supervivencia da Terra e non de quen envelena o mar, a terra, os ríos ou os alimentos. E aínda, temos que afirmar que non só apoiamos Cuba senón que nos asentamos sobre Cuba: porque sabemos que a mellor solidariedade internacionalista é organizármonos contra o capital, inspíramonos nestes valores, no exemplo dunha nación heroica que nos demostra que o único futuro -aquel que os explotadores pensan quimérico- está fora do capitalismo, que só vencen os pobos que loitan, que é posíbel vivir doutra maneira, aquí e agora.