Este Primeiro de Maio vivímolo no medio dunha das piores crises económicas que ten afrontado o noso País. Os dados do emprego dinnos que no que vai de ano temos experimentado o maior aumento do desemprego desde que existe constancia estatística, incrementándose o paro mais que en todo o ano 2008.
As razóns da crise teñen sido xa analisadas de abondo: crise da taxa de gaño do capital e fuxida cara a financeirización da economía, aparición das hipotecas sub-prime no mercado imobiliário: crise do sector bancario e falta de liquidez, traslado da crise do sector financeiro e imobiliario ao resto de sectores económicos, descida do consumo… etc. Ademais na Galiza temos duas características próprias: menor dependencia do sector da construción respeito ao estatal (o que explica o menor crecemento do paro) e, como o resto do Estado, unha taxa de temporalidade elevadísima, extrema no caso da mocidade: eis os primeiros traballadores en sofrer a crise.
A crise afecta a todos os sectores hoxe: automoción, como Citröen e auxiliares, sector téxtil, comercio… Mais moitas das empresas aproveitan agora para tentar desfacerse de traballadoras e traballadores mentres o capital segue a ter benefícios, mesmo maiores en alguns casos: o grande capital representado no IBEX-35 alcanzou en 2008 máis de 45.000 millóns de euros de benefícios… e queren máis! Queren aproveitar a crise para recortar os direitos laborais: ERE’s sen autorización administrativa, novos contratos con menor protección, menores contribucións á Seguranza Social…
Para enfrontar esta crise, para paralisar as medidas regresivas que propón o empresariado e que o novo governo galego do PP previsibelmente apoiará, e mesmo para conseguir avanzar en direitos sociais, a Galiza necesita mobilizarse. Precisamos pois actuar con toda a forza que sexa necesaria, e desde Isca! saudaremos e apoiaremos unha convocatoria de folga xeral nacional que reclame que a crise a pague aqueles que a criaron, e non os traballadores .
Os mozos e mozas de Isca acreditamos pois nunha saída a esta crise que nos dirixa cara o socialismo. Así, aderimos as convocatorias do 1º de Maio da Confederación Intersindical Galega, coincidindo coas propostas de criar unha Banca Pública Galega, da nacionalización dos sectores económicos estratéxicos ou da criación dun salario social que salve muitos milleiros de unidades familiares da miséria á que a poden condear ter todos os membros no paro. A mocidade nacionalista e anticapitalista organizada en Isca! contribuirá na medida das suas posibilidades ao combate ideolóxico e á mobilización social para que as clases populares da nosa nación saian reforzadas, ideoloxica e organizativamente, desta nova crise do capital.