Coa volta do Partido Popular á Xunta de Galiza vimos sufrindo unha serie de recortes nos dereitos do noso pobo e da nosa clase, que se manifestan agora na eliminación dos encontros que as nosas seleccións deportivas nacionais mantiveron nos últimos anos, alegando como motivo a crise económica que estamos a viver, ocultando deste xeito o verdadeiro interese que os move, a pesar da vontade de participación de xogadores e adestradores e a ilusión dos seareiros e seareiras galegas.
Os encontros deportivos nos que participan as nosas seleccións nacionais son un dos momentos nos que reivindicamos os nosos dereitos deportivos, vencellados estes aos nosos dereitos nacionais: Galiza, como nación que é, ten dereito a que as súas seleccións compitan e participen en pé de igualdade en encontros de todo tipo, nomeadamente os de carácter internacional, representando á nosa nación no ámbito deportivo.
O Partido Popular escúdase na crise, pero non se lembra desta cando ten que subvencionar outro tipo de actividades, xa que na realidade a sua actuación ven marcada por umha política antigalega de ataque á nosa identidade e unha axenda de desmantelamento dos servizos públicos. Así, a crise serve como escusa para deixar de apoiar o ciclismo galego, por exemplo, mais non existe para seguir subvencionando centros de ensino que separan o alumando por sexo, ou para recontratar servizos xa elaborados como unha páxina web para o Xacobeo, tirar mais de 200.000€ nunha enquisa fraudulenta no ensino para xustificar a sua decisión de reducir a presenza do galego deste, ou para subvencionar con mais de 50.000€ a realización dunhas xornadas contra un eixo da nosa identidade, o galego; ou renomear as escolas de ensino infantil.
Por iso, desde Isca! queremos reivindicar mais unha vez o noso direito a contar con seleccións nacionais en todos os deportes e categorias, e a sua participación en competicións oficiais e internacionais. Porque é o noso direito, seleccións nacionais galegas!