Novamente temos que saír para defendermos, neste Día das Letras, os nosos dereitos lingüísticos como pobo e frearmos a ofensiva españolizadora do goberno da Xunta, que baixo a súa falacia da liberdade de elección agocha o maior ataque institucional contra a nosa lingua nos últimos trinta anos. Ataque que chega por parte de organismos teoricamente encargados da súa defensa que agora abandonan a súa posición pasiva tradicional, que foi deixar morrer o galego de inanición ollando as dramáticas estatísticas de perdas de falantes mentres lavaban a cara con planos e leis que nunca se aplicaron coa seriedade dunha disposición legal, por unha nova táctica, o ataque directo mediante o recorte dos dereitos que, aínda insuficientes, se foran gañando para as persoas que queremos desenvolver a nosa vida en galego e queremos que a mocidade galega estude na lingua propia e nacional de Galiza. O decretazo contra o galego no ensino do goberno de Núñez Feijóo é o maior expoñente desta cruzada españolista compartida polos poderes públicos e certos altofalantes na prensa e en grupos socialmente marxinais como Galicia Bilingüe, xunto a outros ataques menos mediáticos como a apertura do ridículo debate da toponimia en galego e español ou a eliminación da proba de galego en oposicións.
O goberno de Feijóo ten amosado unha teimuda firmeza nesta serie de ataques, até o punto de querer levar adiante un decreto xa rexeitado polas maiorías sociais de Galiza de xeito reiterado. Velaquí uns exemplos:
-Manifestacións multitudinarias de Queremos Galego en Santiago de Compostela o pasado Día das Letras, o 18 de outubro de 2009 e o pasado 21 de xaneiro con motivo da folga no ensino medio que paralizou as aulas de Galiza. Tamén se teñen celebrado concentracións locais e comarcais por todo o país e mobilizacións de urxencia como a acontecida o 30 de decembro ante o anuncio das bases deste decreto. Todas estas mobilizacións contaron co apoio decidido do mellor deste pobo, as persoas que defendemos e queremos o galego.
-Iniciativa Lexislativa Popular de Queremos Galego que o PP e o PSOE rexeitaron debater no Parlamento, amosando de novo con claridade quen son os principais inimigos do idioma ao faceren causa conxunta contra toda iniciativa que rache coa dinámica españolista.
-Rexeitamento do Decreto por parte do Consello Escolar de Galiza: Unha emenda á totalidade do texto acadou 24 votos a favor, por 16 en contra dos defensores do modelo lingüicida. Votaron a favor desa emenda sindicatos como a CIG, organizacións estudantís coma os Comités, a Confederación de Asociacións de Pais de Alumnos de Centros Públicos ou representacións de alcaldes de Galiza, entre eles os do BNG. A favor do decreto e en contra da emenda posicionáronse, por exemplo, os representantes da Xunta, do PP e das asociacións de país de alumnos do ensino privado. Abonda iso para que fique patente como a defensa da lingua na Galiza é inseparábel da cuestión de clase: desde o ensino público deféndese o galego, desde o elitista e privado, o español.
-Rexeitamento do Decreto por parte do Consello Consultivo da Xunta: Este organismo, nada sospeitoso de nacionalista, rexeita as teses da galegofobia por incompatíbeis coa Lei de Normalización Lingüística, o Estatuto da Autonomía e mesmo coa Constitución Española que defenden.
Ante esta fuxida cara adiante do goberno da Xunta, cada vez máis só no seu ataque frontal cara o galego, cómpre que o noso pobo e moi especialmente a mocidade se organice e mobilice contra esta ofensiva. E cómpre lembrar sempre que esta mobilización debe ter dous eixos:
-Rachar co retroceso da tímida e formal defensa legal do galego. Defender que nunca permitiremos que a nosa lingua teña no noso país o tratamento de linguas estranxeiras como o español e o inglés, que non rexeitamos aprender como non rexeitariamos aprender calquera outro idioma.
-Colocar no horizonte estratéxico das nosas reivindicacións o monolingüísmo social. Somos conscientes, porque estamos na tradición histórica do nacionalismo galego, de que non aspiramos a un 50% de ensino en galego. Queremos galego, e querémolo ao 100% no ensino e como lingua normalizada en todos os eidos da nosa vida en Galiza. Apoiaremos sempre os pasos que nos leven nesa dirección, como a mobilización de hoxe coa que diremos ao goberno do PP:
Na Galiza, en galego!