Máis información:

Os grandes poderes económicos e os gobernos ao seu servizo téñeno claro: a crise que eles mesmos provocaron é a excusa perfecta para lanzar a maior ofensiva das últimas décadas contra a clase traballadora. Tras varios anos sufrindo diversas reformas regresivas e numerosos recortes que afectaron especialmente á mocidade, agora pretenden hipotecar definitivamente o noso futuro: ás cifras de precariedade (69% de contratos temporais entre a mocidade de entre 16 e 24 anos, 45′8% entre os 25 e os 29), de desemprego (34′6% de desemprego xuvenil) ou aos salarios de miseria, agora súmase o ataque ás pensións.

Quítanlle recursos aos pobres para darllo aos ricos

O goberno retirou recentemente a mísera axuda de 426€ aos desempregados sen nengún tipo de ingreso. Quitáronlla os mesmos que regalaron miles de millóns de euros á banca ou se negan a facer unha reforma fiscal para que os ricos paguen máis impostos mentres que aumentan de xeito abusivo o IVE ou as facturas como a da luz. Son os mesmos que din querer combater o desemprego facilitando o despedimento, que ademais agora será pagado con cartos públicos. Todas as medidas do goberno van na mesma liña: que os de arriba podan seguir enriquecéndose a costa de empobrecer aos de abaixo.

Queren entregarlle as pensións á banca

Menten conscientemente cando din que é inviábel manter o actual modelo de pensións e a idade de xubilación. Economistas pagados pola gran banca elaboran informes fraudulentos que pretenden xustificar a rebaixa das pensións (xa de por si miserentas, 728€ de media en Galiza) e facernos traballar ainda máis anos, até os 67. Ao mesmo tempo aumentarán as dos máis ricos, e por suposto non reforman as dos deputados e senadores que tentarán aprobar a reforma: eles poderán seguir xubilándose aos 60 anos con pensións moito máis altas que a media, e logo de só 7 anos no cargo.
O obxectivo é reducir ainda máis os ingresos dos que menos teñen, ao tempo que favorecen os plans de pensión privados da banca, que será de novo a gran beneficiada destas medidas.

Os dereitos deféndense loitando

Esta reforma non é a primeira e se non a paramos non ha ser a última. Por iso, non hai outro camiño que organizarse, mobilizarse e loitar contra os plans do goberno. A folga xeral nacional convocada pola CIG para o 27 de xaneiro será unha mostra de dignidade, unha demostración de que non estamos dispostos a baixar a cabeza mentres degradan as nosas condicións de vida para que eles podan seguir lucrándose. É fundamental garantir que sexa un éxito e demostrar que estamos dispostos a combater ao goberno, aos empresarios e ao o sindicalismo español vendido (CCOO-UGT), que demostra por enésima vez o seu servilismo ao poder, actuando como sempre de axentes desmobilizadores.

O capitalismo non funciona

O combate concreto a estas reformas non debe facernos perder a perspectiva xeral do sistema no que se insiren. A lóxica do capitalismo fundaméntase nalgo tan elemental e inxusto como é a acumulación de riqueza duns poucos a costa da explotación da maioría. Por iso, para poder seguir acumulando, precisan retirar os poucos dereitos que conservamos. Todo o que eles gañen será a costa do noso traballo, por iso queren exprimirnos cada vez máis.

Organicémonos! Transformar a realidade é posíbel!

Agora é tempo de resistir, demostrar a nosa dignidade como clase e deixar claro que non imos permitir que nos rouben dereitos conquistados tras anos de loita. Somos máis que eles e temos a razón da nosa parte, e sabemos que se nos organizamos e estamos unidos podemos tirar abaixo non só as súas reformas, senón tamén o sistema sobre o que se asentan os seus privilexios. Porque transformar a realidade non é unha utopía, como xa están a demostrar outros pobos do mundo. Porque os soños do futuro constrúense coa loita do presente. E porque igual que hoxe toca resistir, máis pronto que tarde seremos nós quen pasemos á ofensiva, para construír unha nova sociedade xusta, libre e democrática. Unha Galiza ceibe e socialista.

Descarga en pdf