Fronte á falseada propaganda do sistema, que non serve para entender nada, temos que afirmar que o pobo galego está situado agora mesmo nunha encrucillada histórica que ten razóns non coxunturais na evolución neoliberal do capitalismo e a nosa dependencia nacional.
O capitalismo emprendeu unha fuga para a frente que pasa polo aumento da explotación, con recurtes sociais e laborais como os aplicados polo goberno español, e a creación de burbullas especulativas baseadas na financeirización da economía. O capital, deseñado unicamente para acumular e non para satisfacer as necesidades de quen traballa, necesita incrementar a taxa de explotación, depauperando e empeorando as condicións de traballo e de vida. Á propia evolución do capitalismo temos que engadir as consecuencias da nosa condición de nación dependente, que evidentemente se extenden, e con moita forza, ás condicións de vida e traballo de galegas e galegas. Non é só que padezamos un roubo sistemático de boa parte dos nosos recursos, senón que é o Estado español o que toma as decisións cruciais sobre a nosa estrutura económica, en función da división internacional da economía. Desta realidade deriva o ataque brutal que agora dana os nosos sectores produtivos, do naval ao agro, e da pesca á enerxía, á vez que avanza unha terciarización baseada na precariedade. Ademais, o goberno autonómico do PP emprendeu unha ofensiva evidente contra os nosos sinais de identidade colectiva, particularmente a lingua mais non só, cos obxetivos de consumar a integración forzosa en España e debilitar o nacionalismo como eixo mobilizador popular.
Non obstante, de Isca! non acreditamos na submisión nen no conformismo. O noso pobo, xunto a moitos outros no mundo, xa deu mostras da súa capacidade de opoñer resistencia, como demostran as folgas xerais convocadas pola CIG (unha en solitario) no último ano, así como o amplo conxunto de movementos, mobilizacións e iniciativas de todo tipo que ao longo do ano reclaman soberanía, emprego, salarios dignos, servizos públicos e futuro. Neste sentido, temos que apontar a importancia histórica de acumular forzas, desde o nacionalismo e a esquerda, para superarmos o marco autonómico e construir un outro modelo social desde o noso propio Estado, abandonando ao tempo o proxecto de integración capitalista da Unión Europea. Os acontecementos políticos dos últimos anos demostraron sobradamente -tanto nos Països Cataláns como en Euskal Herria- que a vía reformista e pactista dentro do Estado Español é un camiño fallido. Ao contrario, a soberanía nacional, exercida sen entraves, chantaxes ou cortapisas de ningún tipo, non é unha alternativa para un futuro afastado nin unha ensoñación melancólica, senón unha necesidade histórica e vital, que deberá ser gañada por medio da loita popular en todos os ámbitos precisos, sen alianzas non só innecesarias senón imposibles coa fracción galega da burguesía española.
Por tanto, de Isca! insistimos na necesidade de reforzar as principais ferramentas de defensa e construción nacional das que dispoñemos neste momento. En particular, apelamos a intensificar a loita da mocidade traballadora, contra a política dos gobernos español e autonómico en primeiro lugar, mais tamén na participación na reconstrución do movemento nacional e popular, reforzando a súa combatividade e incidencia, e incrementando o perfil soberanista e de esquerdas do Bloque Nacionalista Galego, desde a convición de que a loita de liberación nacional e a loita polo socialismo son, aquí e agora, inseparábeis. Afortalar este proxecto, desde a humildade dun proxecto xuvenil de 5 anos de existencia, será a nosa mellor homenaxe ao exemplo de quen nos sentimos herdeiras: o de todas e todos os patriotas e revolucionarios que no pasado xestaron o nacionalismo ou afirmaron o proxecto comunista, ideais felizmente unificados desde os anos 60.
Estamos certos en que este Día da Patria representará unha importante referencia para a afirmación do nacionalismo fronte ao rumo do desastre nacional no que estamos sumidos. E sabemos que só hai un camiño para avanzar: Con obxetivos claros, cos pés na terra mais coa valentía política desacomplexada que precisamos, organizando e mobilizando para cambiar a correlación de forzas. Nesta loita, difícil mais apaixonante, non pensamos aforrar enerxías.