Máis información:

Os e as estudantes non constituimos por nós propios un compartimento isolado nin neutral dentro da loita de clases, aínda menos no actual contexto de ofensiva do capitalismo contra as nosas condicións de vida e traballo.

Representamos unha gran forza revolucionaria, chea de atrevemento, desprendemento e valentía, e debemos orientala a loitar contra a ideoloxía dominante nos centros de ensino, onde se nos adoutrina para a sumisión de clase, para xerar man de obra dócil para a patronal.

Fronte a iso, debemos recoñecernos como parte integrante da clase traballadora e coordenarmos loitas coa finalidade de xerar o contra-poder preciso para apresentarmos o socialismo como alternativa estratéxica. Están en risco o dereitos laborais conqueridos no século pasado pola clase traballadora e só poderán ser defendidos con mobilización e organizándonos para poder sermos ferreiros dun mundo sen clases.

As grandes bondades que nos venderon co Plan Boloña seguen sendo mentiras aínda vixentes.  Falso é que mellorase a posibilidade de convalidacións co estranxeiro pois os procesos entre países europeos son agora tan ou máis complicados e burocráticos do que eran hai cinco anos. Falso é que  Boloña trouxese máis mobilidade pois continúan a ser os estudantes con mellores condicións económicas os que poden facer Erasmus. Falso é que con Boloña tes unha licenciatura en menos tempo xa que a formación que agora temos en catro anos non é igual á das vellas licenciaturas  e para termos a mesma formación precísase dun mestrado co seu correspondente desembolso económico extra. Agora pretenden meternos unha nova doutrina comunitaria, bautizada como Estratexia Universidade 2015 e que non é máis que a segunda fase de Boloña, do “Espazo Europeo de Educación Superior” e que camiña cara á profundar  o proceso de axuste da universidade ás novas demandas da economía.
As cafetarías, as reprografías e demais non son entendidas como servizos cun obxectivo social senón como fontes de diñeiro para quen os xestiona, e esta xestión faise cada vez máis por medio de subcontratas en troques de estar dirixidas con vontade popular pola comunidade universitaria.

Nun momento en que o dereito á educación pública é destruído, a solución é loitar! Loitar contra a aplicación de recortes en todos os estratos do sistema educativo galego! Por servizos de calidade en materia de bolsas, transporte e comedores, a prezo efectivamente social. Contra os prezos exorbitantes do material escolar e dos manuais. Contra réximes de avaliación represivos e a instauración de normativas de permanencia. Contra a reforma laboral que quere aplicar o goberno feixista de Mariano Rajoy co beneplácito da patronal e co camiño aberto polo anterior goberno do PSOE. Cara á aplicación de reformas de corte neoliberal.  É o momento de unirmos a loita estudantil á loita obreira para facer da Folga Xeral do 29-M un éxito rotundo, un bater na mesa das camadas populares contra aqueles fan e desfán ao seu antollo diante dos nosos fociños. É imprescindible a participación da mocidade máis combativa e rebelde nas mobilizacións convocadas polo estudantado revolucionario e polo sindicalismo de clase.

A educación é un dereito, e os dereitos non se pagan!

Avante a Folga Xeral!

Descarga en pdf