A mocidade máis combativa de Galiza ten motivos abondo para tomar as rúas neste 1º de Maio. O capital declarou unha guerra contra a clase traballadora e o conxunto das maiorías sociais, e a ofensiva contra os dereitos laborais e todas as conquistas de dous séculos de movemento obreiro é cada día máis brutal. A unha reforma laboral máis que agresiva e insultante cómpre sumar medidas como a anunciada suba de taxas para o estudantado. A escusa da crise económica agocha un saqueo deliberado e impúdico de dereitos e bens, o desmantelamento dun Estado do Benestar xa inútil para os intereses do capital e a reconstrución dun marco de relacións laborais que camiña con terríbel firmeza cara o dos albores do sistema capitalista.
Máis dun terzo da mocidade galega non atopa traballo, forman parte dos 265.000 desempregados do noso país. Os mozos e mozas que non sofren as condicións do desemprego están sometidos á precariedade. O estudantado recibe agresións constantes e represión cando se enfronta a estas. Fronte a esta situación, nós, a mocidade rebelde, temos que erguer a cabeza e plantar cara á ofensiva. Non son palabras baleiras: xogámonos os nosos postos de traballo e condicións laborais, e os das xeracións próximas. Xogámonos un modelo social máis xusto e equitativo, en troques da sociedade ultracompetitiva, insolidaria e deshumanizada propugnada por unha plutocracia que cada día, como xa aconteceu nos anos vinte e trinta do século XX, volve proclamar con máis forza as palabras que preceden o fascismo: disciplina, orde e paz social, man dura. Vémolo nas persecucións que o goberno catalán leva a cabo contra quen na rúa se opón aos seus recortes, nos proxectos de lei que nos retrotraen ao franquismo que o PP quere aplicar desde Madrid.
Temos motivos para a preocupación, mais tamén os temos para a esperanza. A folga xeral do 29 de marzo amosou un País vivo, unha maioría social integrada por unha forza de traballo consciente do seu poder e dereitos, disposta a reclamar na rúa o que lles negan nos parlamentos e nos consellos de ministros. Galiza foi, de todo o estado, un dos lugares onde o paro foi máis secundado: o noso pobo deu unha lección de dignidade coas manifestacións máis multitudinarias desde o desastre do Prestige. Se daquela a agresión era contra o noso medio natural, hoxe é contra o noso dereito a unha vida digna. A resposta debe ser igual de contundente, até frearmos un ataque que só pretende a nosa derrota histórica e submisión a unha sorte de nova escravitude.
Queremos secundar as mobilizacións do sindicalismo nacionalista da CIG neste 1º de maio. Foi este sindicato quen, en contraste co pactismo desvergonzado das centrais sindicais españolas, convocou en solitario xa dúas folgas xerais –a última, a do 29-M, secundada tardiamente por CCOO e UGT- e mantivo acesa a mobilización popular nas rúas da Galiza-. Como mocidade que situamos na liberación nacional e na construción do socialismo os nosos obxectivos estratéxicos, consideramos que é da man da CIG como debemos estar neste día de loita e reivindicación. Da man da expresión sindical desa parte do noso pobo que resiste, que loita e que constrúe un futuro sen explotación de ningún tipo. Da man da CIG estaremos, e animamos a estar, na folga xeral que será convocada para a primeira quincena do mes de xuño, en todas as loitas que están por vir. Ímolos frear.
Viva a Clase Obreira!
Viva Galiza Ceibe!
10 de maio: mobilizacións no ensino:
Diversas organizacións estudantís e xuvenís, entre elas a Liga Estudantil Galega ou Galiza Nova, chaman o estudantado galego a mobilizarse o próximo 10 de maio contra a suba das taxas, un brutal ataque contra o estudantado que pretende elitizar ainda máis os estudos superiores e dar un golpe definitivo no camiño de expulsar da universidade os fillos e fillas da clase traballadora. Por iso, desde Isca! chamamos tamén á mocidade galega a mobilizarse, a vanzar na converxencia das loitas operarias e estudantís e golpear xunt@s contra este sistema e as medidas que nos impoñen para perpetuar os privilexios duns poucos sacrificando os dereitos da maioría.