Máis información:

Canto pagas de matrícula? A resposta media será 900 euros en primeira convocatoria. Parabens, o curso seguinte veraste obrigado a pagar 1500 euros, xustificado como a sufragación do 25% do custe da túa docencia. E se repites matrícula en asignaturas suspensas, por suposto obrigado pola recén estreada “Normativa de Permanencia” no campus de Compostela (en preparación para o seu lanzamento a nivel nacional), o custo que pagas dispárase ata un 75% resultando en cifras arredor dos 3000-4000 €. Agora xustifícanse as subas das matrículas co custe da docencia recibida, tendo que pagar na 4ª convocatoria o suposto custe total de cada crédito, 6000 euros o curso completo. Pero é isto así realmente? Nestes cálculos téñense en conta aspectos que non teñen nada que ver coa docencia, co cal o cálculo do 15% que se paga no custe actual de matrícula sería en reaidade un 40%, e cando falan de pagar o custe total do crédito en realidade estas pagando un 200% do que costa a túa docencia. Isto combina perfectamente cos recurtes en becas, un 20% con respecto ao ano pasado e agora xúlgase o dereito a beca polo resultado académico, tendo que aprobar un 85% dos créditos (a efectos prácticos só se pode suspender 1 asignatura e quitar curso por ano) e sobe tamén o requisito da media: dun 5 pásase a un 5,5. Tamén as becas para investigación vense afectadas, un 35% menos que o ano anterior.

E mentres, aos profesores aumentanselle as horas de docencia, os recurtes nos presuspostos para educación e ciencia son semanais e a privatización da educación segue a pasos axigantados. A única intención do goberno queda clara: eliminar calquer rescoldo de educación pública e crear un sistema de mecenas da investigación, sempre ao servizo do gran capital.

Queren transformar a universidade nun negocio porque se moven moitos cartos no sector educativo e o capital sempre busca un novo terreo onde expandirse, unha nova víctima que depredar.

O estudante debería ser o protagonista da educación e cada día vemos como nos quitan máis poder de decisión sobre o noso futuro académico, laboral e vital. A universidade deturpouse ata converterse nun mero trámite cara o mundo laboral onde o realmente valioso sería o “master” que tamén nos supón outro custo extra e equivale ao que sería antes unha licenciatura. Ata cando imos deixar que nos expriman desta maneira tan descarada?

En definitiva, deixamos de ser estudantes para converternos en consumidores de educación,  dispostos a ser exprimidos ao servizo do capital, que entrará de cheo nas nosas universidades, escolas e institutos, permitindo o acceso a estas só a quen poida pagalo.

Estas medidas veñen patrocinadas polo goberno central, e Feijoo é o alumno avantaxado de Rajoy mentres que Casares Long é o alumno avantaxado do Presidente da Xunta, usando a Universidade de Compostela coma campo de probas de medidas cada vez máis graves para o alumnado e achegándose perigosamente ao modelo americano, onde a débeda privada esta composta nun 70% por débeda de créditos universitarios. É esa a universidade “pública” que queremos?

Un dos grandes logros historicos do movemento obreiro foi que todo o mundo tivera acceso a unha educación e día a día vemos como se impoñen filtros e trabas para @s fill@s da clase traballadora e míntese chamandolle educación pública ó que non o é, perpetuando e aumentando a xa acentuada diferencia de clases.

Ninguén vai loitar por nós. O sistema ten moito medo a que falemos, a que nos unamos, a que pensemos máis alá do propio marco do sistema capitalista, por iso controlan os medios e reprimen calquer tipo de protesta ou disidencia. Temos exemplos claros moi recentes na memoria: aumento de efectivos e equipa policial, restricción dos dereitos de manifestación, reunión e protesta, campañas mediáticas que nos machacan diariamente con consignas conformistas e amenazan co desastre se non se aceptan estes ataques flagrantes contra a nosa clase. Este roubo de dereitos por parte do Estado é o auténtico drama, o desastre contra o que tanto avisan esta ocorrendo agora mesmo, xa é máis probable suicidarse afogado polo sistema capitalista que morrer de cancro. Temos que actuar,  hoxe, as mozas e os mozos imos parar esta ofensiva directa e iremos máis alá, xa que tampouco nos interesa volver ao modelo anterior. O obxectivo é unha educación integralmente pública, galega, gratuita e de calidade para toda e todas, nun sistema realmente xusto e democrático.

Todos xuntos podemos contra o capital: educación ou barbarie!

descarga en pdf