Por volta das 02:30 da madrugada de hoxe irromperon as forzas policiais na Biblioteca Municipal de Ourense para exercer unha vez máis o monopolio da violencia física contra as e os estudantes que a tarde anterior comezaran un feche para exixir á non elitización do ensino público no noso país. O sistema non tolera que sexamos as fillas da clase operaria quen reivindiquemos a nosa vontade de implantar unha educación gratuíta e científica, que ademais sexa en galego, laica e non patriarcal. As reivindicacións do estudantado deberan ser de obrigada aplicación para os poderes públicos mais quen manda nas forzas de represión prefire combater aos defensores dos dereitos sociais en vez de actuar contra os especuladores financieiros, os explotadores laborais ou os banqueiros que cobran xubilacións millonarias a costa do aforro das clases populares.
Deste xeito, denunciamos dende a nosa organización as medidas de acoso que a Consellaría de Educación aplicou contra as estudantes fechadas en Ourense. A brutalidade policial non fará máis que avivar o facho da loita estudantil, que está a ser referencial no noso país. O movemento estudantil galego está vivo, é combativo e non recúa ante a presión das forzas represoras. Non é casual que aparezan as cargas policiais, as malleiras, os porrazos, etc…cando máis mobilizado está o estudantado do noso país. O feche iniciado polas compañeiras de Ourense sómase aos que permanecen en Compostela e Lugo ou aos que tiveron lugar noutras cidades como A Coruña e Vigo cun papel especialmente activo da Liga Estudantil Galega e da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, entre outras.
É lamentábel o papel que están a xogar as chamadas “forzas de seguridade”, concibidas non para protexer ás clases populares senón todo o contrario, para defender os intereses de quen detenta o poder e impón desde o cumio do sistema políticas cada vez máis encamiñadas á destrución de toda conquista social histórica do pobo traballador. Boa mostra do forte rexeitamento que provocan as actuacións violentas dos cans do Estado son estas mobilizacións de solidariedade co estudantado ourensán que están a decorrer por todo o país. Espallarmos a conciencia e convertirmos a raiba en loita son unha necesidade histórica da mocidade rebelde!
Exixamos responsabilidades á Consellaría de Educación contra o abuso de poder!
Ningunha agresión sen resposta!