Afrontamos máis un ano o Día da Patria coa necesidade de saírmos á rúa a reivindicar con forza os dereitos que á nosa nación lle son negados día tras día por parte de España. Como nacionalistas, organizados en clave popular, somos conscientes da importancia de nos defender dos ataque que o noso país sofre hoxe en día, fortemente acrecentados dende a chegada ao poder estatal do Partido Popular: recortes brutais dos dereitos da clase traballadora, perda constante e crecente de soberanía social e nacional, recorte sistemático dos dereitos lingüísticos da poboación galega, ascenso do populismo españolista disfrazado de apoio ao deporte, perpetuación do modelo patriarcal, negación sistemática da identidade galega, etc. É por iso que para a mocidade galega é máis necesario que nunca estar na rúa loitando por derrotar e arrincar de raíz o capitalismo imperante: tanto hoxe 25 de xullo como en todas aquelas convocatorias nas que as clases populares galegas se vexan implicadas. Nós, as mozas e mozos galegos, como motor do cambio social, temos a obriga de nos manter nun axir constante para que nos devolvan o roubado; nos nosos barrios e nas nosas vilas, nos centros de traballo, nos institutos e na universidade, nos nosos espazos de lecer, etc. Sen unha resposta contundente da maioría social os poucos dereitos e servizos públicos que nos quedan serán desmantelados de vez, e o futuro para a mocidade será nefasto. Hoxe é máis necesario que nunca ligarmos a cuestión nacional coa de clase, defendendo a nosa soberanía como vía indispensábel para dotarnos libremente dun sistema social e económico en beneficio das maiorías traballadoras: o socialismo.
Como independentistas, as mozas e mozos de Isca celebramos os actos do Día da Patria Galega conxugando a celebración da nosa festa nacional coa mobilización nas rúas indispensábel namentres non vivamos nunha Galiza ceibe e sen explotación. A mocidade galega, como grupo social, vese acoutada de xeito interasado en moitos eidos do seu día a día (división territorial en tres Comunidades Autónomas, catro universidades a fomentar dinámicas localistas, segregación forzosa do noso ámbito lingüístico, desintegración do rural, etc), o que fai que sexa tan apremiante como dificultosa a súa integración colectiva.
A organización dos mozos e das mozas nacionalistas é unha urxencia de primeira necesidade de cara a efectivizar a loita pola emancipación nacional e de clase na Galiza.Nós, Por iso saímos ás rúas de Compostela no serán do 24 de xullo e na manifestación do Bloque Nacionalista Galego deste 25 de xullo de 2012 para berrar, reivindicar e exixir o único camiño que nos garantirá como galegos e galegas un escenario de plena soberanía política: a INDEPENDENCIA!