Aproximadamente cada catro anos, temos oportunidade de vivir no noso país un novo (nas formas) mais vello (no fondo) circo mediático que a mocidade con máis dun proceso electoral ás costas pode recoñecer: cartaces con retratos ateigando as rúas, medios de (des)información claramente posicionados durante a campaña… e en xeral toda unha parafernalia que os propios xestores deste sistema nos obrigan a acabar aborrecendo.
O capitalismo está amosando a súa cara máis extrema, xa non só privatizando servizos públicos, senón incluso instaurando o dogma neoliberal do défice cero na Constitución española, poñendo de acordo ao PP e ao PSOE que tantas outras veces negaran unha reforma constitucional en favor da autodeterminación das nacións do Estado. As caretas xa non son necesarias: o PP aplica as políticas dictadas desde os grandes poderes financieiros sen pudor, sen disimulos, estando incluso orgullosos de contradicir o seu programa electoral. Esa é a súa “festa da democracia”: participar un día e deixar facer. É a súa consigna. A hexemonía do sistema capitalista é tal que até semella ser quen de facernos esquecer que hai medio ano estivemos na rúa, berrando contra eles e manifestándonos contra unha reforma laboral, que hai case un incrementaron a porcentaxe de cotización do IRPF das rendas máis baixas, ou que hai case catro a dereita chegaba á administración autonómica falando da imposición do galego. Necesitamos ter memoria.
A situación é extrema, e por iso é máis necesaria que nunca a participación política. E falamos de política, si, porque queremos recuperar o seu significado fronte ás perversións do capital: a política non son só uns señores traxeados que falan no Parlamento. A política esta no día a día de calquer grupo que se organice para mudar as cousas, política é cada loita por unha mellora salarial nos centros de traballo, cada manifestación estudantil por un ensino público, cada denuncia das agresións do capital á natureza, cada esforzo por divulgar a nosa cultura, e por suposto, o traballo desde as institucións que España decidiu concedernos, mais non deseñadas por nós. Tan só son diferentes caras, complementarias, da mesma loita. A organización é a clave. É por este motivo polo que debemos aproveitar a mínima oportunidade que o propio sistema nos brinda para amosar o noso inconformismo e non caer na tan manida frase de “todos son iguais”. Os lamentos si que son certeiros e sinceros cando, despois da “festa da democracia”, volven dominar as institucións os de sempre. Ao igual que os dereitos laborais que nos intentan arrebatar, a participación en procesos eleitorais foi unha conquista das clases populares, e é a arma que o capital decidiu manter aínda un día cada catro anos. Tan só abonda con ollar os acontecementos históricos recentes para comprobar como esa arma foi suprimida dependendo do peligro que representasen as opcións populares fronte aos privilexios da clase dominante. Organicémonos. Necesitamos empregar esa arma.
España derrúbase economicamente… e pretenden que Galiza caia con ela. Hoxe a mocidade galega vive a pior situación da súa historia, impedida de construir un proxecto vital autónomo. Aquela mocidade que estuda sofre o deterioro do ensino público en todas as súas etapas, masificando as aulas e recortando servizos complementarios imprescindíbeis para os que mais sofren a crise. As cifras de paro na mocidade traballadora increméntanse até chegaren case ao 50%, e iso tendo en conta que só nos últimos anos de goberno do PP marcharon do país uns 60.000 mozos e mozas que non aparecen nas estatísticas do desemprego. Para poder mudar toda esta situación precisamos poder decidir, xa que moitas das políticas que provocan esta situación veñen decididas desde Madrid e Bruxelas. Neste contexto, o dereito de autodeterminación ten aínda hoxe unha razón máis de ser: poder decidir non só o noso futuro en termos estritamente políticos, como a nosa relación co resto de pobos do Estado e do mundo, ou poder contar cun Estado para defender en pé de igualdade a nosa identidade e a nosa cultura. Tamén queremos decidir sobre os nosos asuntos económicos. Que sexa a clase traballadora galega a dona do seu destino, e non permanecer subordinados a intermediarios españois que responden ante os intereses dos banqueiros que nada teñen a ver coas demandas de quen mantivo vivo este país durante séculos. Queremos xestionar os nosos propios recursos no marco dunha democracia participativa digna de tal nome para poñelos ao servizo das clases populares.
Dentro deste espectáculo mediático temos que se capaces de pararnos a observar. Se o facemos, veremos que nas nosas rúas hai un cartaz onde tan só aparece un logotipo, unhas siglas, BNG. O Bloque Nacionalista Galego é a expresión política unitaria que representa a oportunidade de levar ás institucións as demandas populares, rexeitando todos os recortes aprobados até agora, participando nas mobilizacións e enfrontando as políticas que nos levaron a esta crise: queremos o reforzo da participación pública nos nosos sectores estratéxicos, que paguen mais impostos os que máis teñen, e a defensa dun ensino público galego, o financiamento universitario suficiente, a aposta polo I+D+i para evitar que a mocidade emigre… Esta é, pois, a nosa opción para conseguir comezar a afrouxar, desde abaixo e á esquerda, as mans que nos afogan no día a día. Para que non consigan quitarnos o dereito a soñar.