Máis información:

É ben certo que a liberdade non se pide, conquístase. Do mesmo xeito, tampouco podemos agardar a un hipotético dia “D” no que se gañarían os dereitos nacionais que con tanta teimosía España nos nega. De Isca!, organización independentista encadrada na esquerda anticapitalista, reafirmamos neste 25 de xullo a nosa vontade de comezar a construir, aquí e agora, o mundo diferente que arelamos.

A experiencia autonómica, deseñada desde os poderes do Estado para acalmar os movimentos soberanistas, demostrou o seu fracaso, tanto na asimilación plena do nacionalismo -xa que resistimos- como na posibilidade de representar unha alternativa digna para o noso pobo, que foi especializado en perder, como tantos outros baixo o imperialismo: baixo este novo marco de xestión -que xerou as súas propias burocracias- empioraron as condicións de vida das clases traballadoras, reforzouse a dependencia do país e retrocedemos na perda dos nosos sinais de identidade como pobo, nomeadamente da lingua.

De igual modo, o neoliberalismo non pensa en persoas, senón en mercadorías; non repara nos ríos nin nos montes, senón nos blletes que pode extraer deles; non cre no direito á educación, senón so nun novo negocio e na posibilidade de reforzar a súa hexemonía simbólica; no mundo do traballo criou unha fractura xeracional entre dúas xeracións de traballadoras e traballadores, condenando de xeito masivo á mocidade á precariedade xeralizada, á temporalidade e á emigración, mentres as grandes empresas aumentaban ano tras ano os seus beneficios; é inadmisíbel que agora pretendan que as e os de sempre paguemos a crise que provocaron os seus intereses.

Negámonos a aceitar a priorización da xestión sobre a transformación, da institucionalización sobre a rúa, ou da política profesional sobre os movimentos sociais, auténtico xérmolo dunha sociedade máis avanzada e democrática. Somos conscientes de que non todo é negativo: un pouco por toda a parte da Galiza, novas iniciativas recuperan a tensión criativa, construidas desde a base e con moito esforzo, en moitas ocasións alentadas co característico entusiasmo da mocidade, que supera todas as dificuldades.

A autodeterminación non é un principio abstracto, senón un dereito colectivo fundamental, que ten implicacións na nosa vida diaria. Calquer marco político que non contemple a soberanía e o seu exercicio é unha trampa.

Ademais, o Estado Español xa ten mostrado os límites do seu recoñecemento á “plurinacionalidade”, con exemplos ben elocuentes como os recurtes ao texto saído do Parlamento Catalán, o peche en falso do proceso de paz en Euskal Herria ou o boicote por vía constitucional a un referéndum consultivo.

Mentres exista Galiza, existirá un conflito co Estado que quere asimilarnos; mentres existamos explotadas e explotados, existirá enfrontamento cos explotadores. Autoorganizarémonos cara a independencia e o socialismo porque somos un pobo con futuro, porque a revolución non está sentenciada, constrúese na loita!

Descarga en pdf