Máis información:

rebater47_1Segundo os últimos datos do IGE, os contratos a tempo parcial superan entre a mocidade o 33% e os contratos temporais o 68%.

A Galiza ten hoxe por volta de 65.000 menores de 30 anos en paro.

O desemprego xuvenil na Galiza aumentou exponencialmente desde o comezo da crise. No 2007: 15,9%; 2008:21,05%; 2014:48,45%.

O número de mozas residentes na Galiza pasou dunhas 675.000 persoas (2008) a 533.000 (2014).

Arredor de 142.000 mozas galegas tiveron que abandonar o país desde 2007.

Menos do 50% das persoas en paro perceben algunha axuda económica, fronte ás máis de 130.000 que non teñen ningún ingreso. As devanditas axudas son, en moitos casos, contías próximas aos 400€.

Aínda cos tremendos recortes en materia laboral, desde o inicio da primeira lexislatura de Alberto Núñez Feijóo no 2009, a débeda pública galega pasou duns 4.942 M€ a uns 9.000 M€, por volta do 16,6% do PIB.

O 20% da poboación activa cobra un salario bruto de só 600€.

Só en xaneiro foron destruídos máis de 13.000 postos de traballo, 24 por día.

Loitar no presente, conquistar o futuro

A Galiza é hoxe moito máis pobre e vella que antes de o PP tomar o poder. Ás escandalosas cifras de paro súmase un premeditado ataque aos dereitos laborais, que en forma de reforma laboral e recortes de corte neoliberal, precariza o emprego e limita as axudas sociais. Aínda máis, pois acentúa o secular fenómeno emigratorio do país, producindo un sangrado constante na sociedade galega.

rebater47_2A emigración é un factor preocupante de por si para calquera país, pero se ademais analizamos o perfil desta masa migratoria, a preocupación só pode aumentar, xa que se trata dunha emigración con risco de permanencia. As voces expertas en demografía sinalan que boa parte da mocidade que marcha do noso país ten poucas posibilidades de volver. Dunha banda, marchar a idades temperás favorece asentarse noutros lugares e tecer vínculos que freen o regreso. Doutra, estamos vendo como cada vez hai menos posibilidades de retornar ou de ficar, xa que un país cada vez máis empobrecido coma o noso ofrece cada vez menos posibilidades de futuro. Debemos denunciar esta situación, xa que ademais do dereito a traballarmos na nosa terra en condicións dignas, hai que sumar as consecuencias irreversíbeis que terá o éxodo xuvenil masivo se non lle pomos freo.

Para nós, a mocidade galega, primeiro o goberno do PSOE e agora do PP están a lanzar un ataque sen precedentes e perfectamente planificado para nos empobrecer e precarizar, obrigándonos a coller a maleta. A meirande parte destas políticas destrutivas veñen ordenadas desde Europa e España por tanto, a mocidade rebelde representada en Isca! acreditamos en que para mudar a situación é imprescindíbel o dereito de autodeterminación como vía para conquistar a independencia; é para nós unha reivindicación fundamental para decidir o noso futuro, para escoller sobre a nosa economía e que a clase traballadora sexa quen arbitre o seu destino, sen subordinacións aos poderes financeiros. Queremos soberanía para decidir o noso futuro e xerir os nosos recursos, póndoos ao servizo das clases populares e demostrando que existe unha alternativa á desigualdade social: o socialismo.

Perante o éxodo xuvenil e o aumento do desemprego, debemos responder radicalmente e deixar claro que non nos van botar fóra tan doadamente. Abondan razóns para nos rebelar. Lanzamos esta nova campaña nacional, que se desenvolverá até o 1º de Maio en diferentes puntos do país, acreditando na loita anticapitalista e popular como a única capaz de derrubar un sistema inxusto e a necesidade de artellar unha resposta diante do estado de agresión permanente á mocidade coa organización, a mobilización, e a rebelión! Desde o espazo ideolóxico soberanista do que facemos parte son moitas as loitas políticas, sindicais, estudantís e xuvenís na que son precisas máis mans para tecer esas alternativas.

.

>> Descarga o Rebater